InicioEconomíaTurismo non é só beleza: o auxe do turismo agroalimentario en Lugo

Turismo non é só beleza: o auxe do turismo agroalimentario en Lugo

Este eido apunta enormes beneficios en retorno económico, loita contra o despoboamento, e coidado do patrimonio e o medio natural

PUBLICADA O

- Advertisement -

Desenvolvemento da economía local a través do turismo agroalimentario. Este é un dos obxectivos comprendidos no Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo, e que a Deputación promove con achegas para feiras dos produtos locais  e a participación en certames deste eido, así como a divulgación.

Neste senso, o organismo provincial coorganiza o curso de enoturismo canda a APEHL, e recentemente celebrou unha xornada con 15 expertos que resumiron as oportunidades turísticas que agocha o turismo agroalimentario. A ocasión incluíu un proxecto piloto, un roteiro con destino no Forno de Tovar, con diferentes temáticas arredor da Faba de Lourenzá no val homónimo, integrando percebes e bonito de Burela na visita á cooperativa, con patrimonio e paisaxe.

Un dos aproveitamentos máis sinxelos –na teoría– consiste en ofrecer o produto directamente no lugar de produción, ou sen intermediarios, para que a compra non sexa só unha transacción, e implique un coñecemento máis profundo da marca, o proceso e a materia prima. Para Chelo López, da gandería Quintián, “falta cultura de mercado e de mercar na granxa”, ao contrario que outros países europeos.

Gandería Quintián

Outra das leccións da xornada de turismo agroalimentario foi a necesidade de vencellar o lugar e o produto. Chusa Expósito relatou o caso de Milhulloa, a cooperatiba estabelecida hai 18 anos no Coto, en Palas, ao pé do Camiño Francés. No ocaso da centuria anterior, aproveitaron a casa natal que empregaban para o traballo comunal, e dez hectáreas abandonadas con establos para as vacas, para comezar a manufactura de plantas medicinais.

A particularidade do negocio é a venda directa ás tendas, un produto de proximidade. Co tempo, comezaron a organizar visitas a outras explotacións –nomeadamente a Granxa Maruxa–, tamén co obxectivo de concienciar e preservar o medio natural. Deste xeito, dan a coñecer a comarca máis premiada de España no referente a produtos locais, na leite, o queixo e o iogur, entre outras especialidades.

O centro xeográfico de Galicia mudou así nun proxecto contra o despoboamento a través dos campos vivenciais, valorizando asemade o patrimonio do Castelo de Pambre, as fervenzas de Mácara, os recursos termais e o turismo rural de complexos coma A Parada das Bestas. Na actualidade, A Ulloa rexistra un interesante fluxo de estranxeiros que compran casas na comarca.

Aínda que resulte estraño, Galicia foi pioneira no aproveitamento do turismo agroalimentario. A Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia botou a andar en 1977, acadando na actualidade un alto grao de profesionalización. Sandra, vogal da APIT – Galicia, apuntou a importancia de mudar o enfoque, para atopar un produto para o cliente.

Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño, introduciu a idea do relato. O produtor debe axudar a interpretar as paisaxes, a súa evolución, a pegada humana. O produto turístico non ten por que ir vencellado a un ben patrimonial, e debe servir para complementar as explotacións a través das visitas, as catas, e a compra de produtos.

Nesta liña, cómpre interesarse por unha venda sinalizada, con atención e proba, así como unha axeitada promoción da marca en internet e revistas especializadas. Por outra banda, Sandra sinalou a oportunidade conxunta que existe para os aloxamentos, con paquetes de casas rurais; a fin de contas, maior estadía implica maior gasto, e a desestacionalización pode contribuír a diversificar o visitante.

Así as cousas, instou aos produtores a sinalizar os accesos e manter horarios regulares, e deixou un recado para as administracións, ás que pediu promocionar as feiras e mercados seguindo o exemplo da Praza de Abastos de Compostela ou a de Ribadeo, e mellores estradas e sinalización para que viaxar pola contorna sexa unha opción. Eduardo Vidal Baamonde, deputado de Turismo, confirmou que hai en marcha un plan de sinalización.

Outra voz autorizada neste eido é a de Xosé Luís Carreira, de Ecoagroturismo Arqueixal. Esta iniciativa naceu en 2007 centrada no turismo rural, a través da recuperación de casas abandonadas. O turismo de experiencias centra o modelo de negocio, pois “non hai incompatibilidade entre granxa e turista”. O complemento do turismo contribuirá á unha economía circular con valor engadido para a produción e a consumición no sitio.

En Arqueixal tentan mudar ao visitante en “pastor por un día”, xogado cos sentidos con obradoiros de elaboración nos que familias e peregrinos poden levar a casa o produto que eles mesmos fixeron. Coñecer a cultura que rodea o Camiño é outra das virtudes deste proxecto, que amosa aldeas sen masificar e que manteñen a esencia da ruta peregrina, incluíndo unha casa-museo con 250 anos.

Palleira restaurada | Ecoagroturismo Arqueixal

Carreira considera que o potencial do turismo agroalimentario está por explotar, pois precisaría de iniciativas coordinadas coas axencias e actores colaboradores. Paradoxalmente, convidou a non sinalizar en exceso as infraestruturas, para que os visitantes poidan descubrir por conta propia aqueles lugares menos populares.

Luzdivina Castelo, de Champivil, lembrou que “fóra dos viños, está todo por facer”. Pediu apostar por unha economía local con coñecemento da contorna, porque “cada produto ten unha historia”. En Champivil envasan o produto “do noso lado”, setas, ortigas, verzas para preparados de tortillas, e tiran de grelos para as cervexas.

Como indicou, a provincia de Lugo é o produtor por excelencia de setas na Península, mais non saca prol desta condición. “Temos todo pero falta organización, coñecer o que fai a do lado”. A representante da empresa vilalbesa insistiu en que “Lugo o ten todo”, e convidou a cada explotación a aportar valor engadido “porque produtos hai moitos”. “Imos moi tarde –insistiu–, mais temos costa e montaña, o recetario completo e a bebida”.

Neste escenario, un produtor ten a oportunidade de converterse en embaixador dun lugar concreto. María del Carmen, de Embutidos Suarna, pasa por mercados de toda a provincia realizando vendas e promoción turística. Como din os clientes, o seu produto “cheira a pobo”, a Navia e o Piornedo. A fábrica de embutidos é tenda e oficina de turismo para Os Ancares e O Courel, a montaña “que queda na esquiniña, pero que está a media hora tamén”.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...