Unha delegación da Plataforma Ulloa Viva desprazouse este martes a Madrid para visitar o Congreso dos Deputados e trasladar aos distintos grupos políticos con representación a oposición veciñal ao proxecto de Altri en Palas de Rei. Ao tempo, avanzaron que a manifestación convocada para este domingo 26 será “un novo golpe na mesa”.
A presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá; a produtora agrogandeira de Traloagro, Isabelle Gómez; e a presidenta das Mariscadoras a pé da Ría de Arousa, María Porto, mantiveron, en total, reunións representantes de nove grupos da Cámara baixa.
Nun comunicado, fixeron un balance “positivo” dos encontros e destacaron que dan por “cumprido” o obxectivo de trasladar aos representantes políticos o obxectivo de trasladar o “rexeitamento” dos veciños, ademais de anticipar que haberá “un novo golpe na mesa” coa protesta convocada para o domingo en Palas.
Segundo a plataforma, PNV e Bildu, os primeiros grupos cos que se reuniu a delegación que viaxou a Madrid, coincidiron en cualificar de “aberración” o proxecto de Altri, ademais de manifestar o seu respaldo á entidade nas iniciativas que se presenten nas institucións nas que estean representados.
Os deputados de Sumar Manuel Lago e Verónica Martínez tamén expresaron, segundo Ulloa Viva, o seu apoio. Ademais, mostraron a súa disposición a tratar de favorecer un encontro cos ministerios competentes en Madrid, co fin de que reciban información directa dos veciños.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reiterou á plataforma o posicionamento da súa formación “totalmente en contra” do proxecto de Altri e que seguirá presentando iniciativas neste sentido nas distintas cámaras nas que ten que representación.
O BNG, precisamente, enviou un comunicado no que subliña que en eta mesma xornada defendeu na Comisión de Industria do Congreso a oposición a Altri. No mesmo, carga contra o PP, ao que cualificou de “relacións públicas de Altri” e cuxa postura identifica con “defender un negocio particular”. “O noso é defender o futuro de Galicia”, contrapuxo.
Ademais, a plataforma relatou que Rego lles avanzón que na próxima semana este asunto estará a debate tanto no Senado como no Parlamento de Galicia, a través de iniciativas impulsadas polos nacionalistas. Tamén garantiu que o BNG estará “atento” aos fondos europeos dos que Altri quere captar 250 millóns de euros para este proxecto.
O PP REAFÍRMASE NA SÚA POSTURA
Tamén o PP recibiu á plataforma no Congreso. Segundo indicou esta, aínda que a cita estaba concertada co portavoz na comisión de Economía e exconselleiro Francisco Conde, finalmente foron sete os deputados do PP cos que se reuniron, que reafirmaron a postura dos populares: unha apelación á tranquilidade e a garantía de que “ningún proxecto sairá adiante se non cumpre coa normativa”.
A plataforma afeou a Conde recoñecer o proxecto de Altri a finais de 2022 a consideración de proxecto industrial estratéxico (PIE) “sen que estivese feito o estudo de impacto ambiental”.
Pola súa banda, o PP emitiu tamén un comunicado no que se indica que Conde incidiu na importancia da implantación deste proxecto desde o punto de vista industrial e da creación de emprego. “É unha oportunidade para xerar dinámicas positivas no rural, asentar poboación e loitar contra o reto demográfico”, esgrimiu.
Pola súa banda, Jaime de Olano trasladou ás representantes da plataforma que o PP quere dar continuidade ás reunións tantas veces como sexa preciso e “coa máxima transparencia, coa convicción de que hai unha procura común do mellor para a comarca da Ulloa”.
OS SOCIALISTAS, “MOI VIXIANTES”
O PSOE, pola súa banda, trasladou tamén o seu apoio á plataforma explicando que van estar “moi vixiantes”. Os socialistas, segundo Ulloa Viva, aseguraron que estarán “dispoñibles e atentos”, e que, se o proxecto non cumpre “non terá fondos de ningún ministerio do Estado”.
Pola súa banda, a parlamentaria socialista Patricia Otero esgrimiu nun comunicado que o PSOE esixe “todas as garantías para as persoas e o medio ambiente” no proxecto de Altri para Galicia.
Trasladouno, precisamente, tras o debate na comisión de Industria do Congreso, que rexeitou dúas iniciativas do PP pedindo fondos para o proxecto “aínda que non cumpra os requisitos” e outra do BNG “reclamando que sexan denegados antes de coñecer as bases da convocatoria”. “Fronte aos vetos cruzados, queremos industria, emprego e respecto á contorna”, aseverou.
O PLAN ABORDARASE NO CONSELLO FORESTAL
Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego, informou de que a impulso da organización sindical e outras asociacións o proxecto de Altri será debatido durante o pleno do Consello Forestal de Galicia, convocado para este xoves 23 de maio.
Así mesmo, indicou que, xunto coa CIG, solicitaron a inclusión deste punto na orde do día do Consello Galego de Medio e Desenvolvemento Social, que terá lugar o 31 de leste mesmo mes.