InicioCulturaNatureza e música clásica no FestiUlloa: hai que vivilo para entendelo

Natureza e música clásica no FestiUlloa: hai que vivilo para entendelo

Coma cada primeira fin de semana de agosto, o FestiUlloa de Antas de Ulla achega a música clásica e valoriza o patrimonio natural e histórico da comarca

PUBLICADA O

- Advertisement -

Como cada primeira fin de semana de agosto, Antas de Ulla muda en intersección da música clásica, patrimonio e natureza. Durante o venres 3 e o sábado 4, a ilusión de Sandra Goded e Rudi Esteban muda no undécimo FestiUlloa, que procura valorizar os recursos da comarca ao tempo que devolve a música clásica a onde pertenceu hai tempo. Son xa once anos de traballo constante para organizar este festival, que conta con músicos procedentes de medio mundo.

Esta fusión procede dos eidos de formación dos fundadores da asociación Quercus Sonora. Sandra é bióloga, Rudi músico. Os dous medraron en Madrid, mais el, fillo dunha de tantas familias galegas que emigraron á cidade nos setenta, voltaba de cando en vez á comarca da Ulloa. Instalados no cento xeográfico de Galicia, tiveron a idea de irmandar a música clásica coa herdanza patrimonial.

“Aínda se ten a idea de que a música clásica segue a ser para grandes cidades, para auditorios, para xente con poder adquisitivo grande; antigamente non era así”. Sandra explica que este formato era o ocio da xente do pobo, que levaba os raparigos e maila comida para desfrutar na rúa destes concertos.

O FestiUlloa tenta rachar co cliché de que é preciso cobrar cara entrada  por escoitar música clásica, unindo novamente estas partituras coa música tradicional. Xunto con achegar estes sons ás vilas do rural, Quercus Sonora aspira a dar a coñecer a comarca en todo o vencellado co medio ambiente, eses bosques autóctonos que noutras zonas están a desaparecer. “Aquí estaba a perderse tamén, tentamos paralo dando a coñecer o seu valor ecolóxico, económico e social”.

Dende o punto de vista da bioloxía, Sandra salienta a cantidade de carballeiras e castiñeiras que acadan a condición de centenarias, con exemplares de catrocentos ou cincocentos anos nos soutos e fragas conservados na rexión. Esta riqueza conecta o tempo presente co uso que deles facían os nosos devanceiros. “Hai de todo, sobreiras e acivros centenarios, moi raros; a xente di que son os máis grandes que viron en Galicia”.

Para divulgar e custodiar este tesouro natural, mais tamén histórico, a asociación realiza durante todo o ano diversas actividades. Os roteiros do patrimonio visitan os grandes valores arquitectónicos, con centos de muíños, cos característicos pazos, con castelos coma o de Pambre, ou as igrexas románicas.

Asemade hai espazo para os petróglifos, coma os do monte Farelo, que visitaron na inauguración deste undécimo FestiUlloa ao atardecer, cando a luz permite aprecialos mellor. Alí tentaron explicar o pouco que se coñece deste conxunto, singular en comparación cos da costa. O lugar, pouco coñecido, ofrece vistas alén da comarca.

Canda este impresionante vestixio, o festival ten de característico o obxectivo de traer a música clásica a un entorno rural. A Ulloa, coma toda Galicia, preservou un oído ben adestrado mercé á importancia da música tradicional. “Nótase esa tradición, en cada vila hai unha banda de música, ou máis dunha, en todas as familias hai alguén que toca”.

Este factor nótase, segundo Sandra, á hora de escoitar un concerto de música clásica, “que é diferente do que se escoitou dende o século XX”. Veciñas e veciños achegábanse ao principio con curiosidade, “pero é incrible ver que repiten todos os anos e aumenta a cantidade de xente local que vén, que dende meses antes está a preguntar que haberá ese ano, que como se vai a preparar”.

Por suposto, a esta representación da localidade hai que engadir os visitantes e convidados que chegan de alén de Galicia. “Case todos os anos van familias de Murcia, Alicante, Barcelona, Sevilla… incluso unha familia francesa que organizou as súas vacacións en torno ao fesival e segue repetindo cada ano”.

E logo están os músicos, claro. Nesta ocasión serán vinte e un procedentes doutras partes de España, de Cuba, Francia e Reino Unido. En edicións pasadas houbo presenza de profesionais de Estados Unidos, Países Baixos ou mesmo Rusia.

Sandra subliña a apertura de todo o público cara a música clásica, incluso con pezas que considera difíciles de apreciar. O amplio rexistro da arte musical tradicional facilita, ao seu entender, a comprensión das partituras clásicas. “Aquí a xente desfrutou, emocionándose incluso con pezas que nunca antes escoitara”.

Antes de cada concerto, dende Quercus Sonora realizan unha introducción máis ou menos ampla de cada peza, de por que foron compostas, aportando contexto para desfrutalas e comprendelas mellor. “A música non fai falla entendela, só desfrutala, pero é verdade que ao ter unha tradición tan grande, o público ten moi fácil achegarse”, insiste.

Ao longo do FestiUlloa teñen lugar dous concertos. Este venres ás 20.30 horas será o concerto de cámara, con dous grupos de poucos integrantes, catro e seis, respectivamente. Son intres de intensidade e profundidade musical. O sábado consiste dun grupo de cámara de sete músicos, para logo xuntar aosvinte e un convidados con tres membros da banda local de Antas de Ulla.

“O máis bonito é ver a variedade, os estilos e a mestura tan curiosa que se pode dar na música clásica”, con combinacións algunhas pouco habituais de violín, viola, cello, frauta, clarinete e arpa. “A amplitude da música clásica en estilos e épocas, con todos os recursos que se poden empregar, faino especial, sempre cambia”.

Preguntada pola impresión do público, Sandra di que é complicado atopar palabras. Todos coinciden en definir o ambiente creado como “cercano”. Isto é así porque os músicos botan a semana durmindo nas casas dos veciños, almorzan e cean con eles, e ao final todos os participantes realizan unha queimada.

Esta conexión real da convivencia “trasládase aos concertos”, algo que incluso quen vén só para as actuacións pode apreciar. “É algo que hai que vivir –apunta Sandra– para entender o ambiente que se crea aquí”.

Para soster este escenario de familiaridade, o FestiUlloa funciona coa aportación voluntaria dos asistentes. O que se recada cada ano empregarase en realizar o seguinte festival. “E así sucesivamente, nós por ganas farémolo ata quedar sen folgos”. “Sempre que o público queira, haberá festival”.

Máis información nesta ligazón

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...