O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará ao longo da tarde deste domingo a normativa que regulará desde esta medianoite (00.00 horas) e durante cinco días o peche da Mariña Lucense, anunciado hoxe en rolda de prensa polo conselleiro de Sanidade, José Vázquez Almuíña. Ás restriccións ao movemento das persoas sumaranse medidas máis esixentes no tocante á distancia social para previr contaxios, despois de que se disparasen os positivos confirmados no brote da bisbarra, con 71 máis nos últimos catro días para un total de 106 detectados, dos que sete recibiron a alta.
Por normal xeral, segue rexendo a normativa aprobada o 25 de xuño, coas seguintes modificacións.
QUE SIGNIFICA O PECHE?
Desde as 00.00 horas, non se poderá entrar na Mariña Lucense nin tampouco saír agás as persoas que teñan motivo xustificado: é dicir, traballadores que ben residan na comarca e traballen fóra ou sexan veciños doutros municipios pero desenvolvan o seu emprego na Costa de Lugo, transportistas ou vehículos comerciais, así como aqueles de prestación de servizos. O peche durará alomenos cinco días e a nivel diario avaliarase a evolución do brote para decidir se se prorroga esta normativa ou se derroga.
Pedirase á poboación que non se movan os seus municipios, aínda que non estarán prohibidos os desprazamentos. Pídese que se limiten os movementos na medida do posible e se apracen durante estes alomenos cinco días.
A circulación polas autovías ou autopistas non estará limitada.
POR QUE SE TOMA ESTA DECISIÓN?
Sanidade confirmou 71 positivos nos últimos catro días e realizou só no día de onte 187 probas PCR, o que demostra a importancia do brote. A Xunta de Galicia descarta polo de agora que se producise unha “transmisión comunitaria” do virus -“todos teñen unha relación clara”, afirma Almuíña- e afirma que o foco está “controlado” e localizado na bisbarra, pero adopta medidas para evitar que se espalle a outras comarcas -en principio documéntase unha persoa infectada en Lugo, que garda corentena e está relacionada co brote, ademais doutra no Occidente de Asturias, que traballa na Mariña- e haxa “un crecemento expoñencial” dos casos activos.
A QUE MUNICIPIOS AFECTARÁ?
O peche afectará a 14 municipios da comarca, dado que A Pontenova e Riotorto non pertencen ao distrito sanitario da Mariña Lucense; O Vicedo, Ourol, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Alfoz, O Valadouro, Barreiros, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada e Ribadeo serán os concellos afectados pola norma.
CALES SERÁN OS LÍMITES DE AFORO?
Os aforos en establecementos profesionais e comerciais reduciranse como norma xeral do 75% ao 50%, así como bibliotecas, museos ou cinemas, tendo en conta a limitación de dez persoas por grupo. En locais de hostalería só se poderá consumir en mesas e sentados, nunca en barra. Bares e cafeterías deberán pechar como moi tarde ás 00.00 horas. Mantense o aprazamento da apertura de pubs e discotecas. En praias e espazos ao aire libre, haberá un espazo por persoa de catro metros cadrados, como forma de previr aglomeracións e controlar o número de usuarios.
Nos velorios, o máximo de aforo será de 25 persoas en espazos abertos e de dez en espazos pechados -os límites estaban en 70 e 30 cidadáns, respectivamente-.
Nos mercados de rúa, os aforos pasarán tamén do 75% ao 50%.
Os espazos comúns nos establecementos serán considerados de tránsito, non debendo utilizarse como lugar de reunión e conversa.
Toda a información no Xornal da Mariña.