InicioMedioambiente e PatrimonioLugo precisará a autorización da Xunta para os proxectos EDUSI

Lugo precisará a autorización da Xunta para os proxectos EDUSI

ACE advirte de que todos os proxectos da EDUSI en Lugo serían ilegais sen a autorización pertinente da Xunta, debido a que invaden o terreo histórico do Camiño Primitivo, catalogado coma BIC

PUBLICADA O

- Advertisement -

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida (ACE-EU) advirte de que o goberno local non previu a necesidade de solicitar a obrigada autorización da administración autonómica para executar os proxectos contemplados dentro da EDUSI (Estratexia europea para o Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrador) para integrar o centro urbano co Miño, xa que tódalas intervencións plantexadas están dentro do ámbito de territorio histórico do Camiño Primitivo, que está catalogado como BIC (Ben de Interese Cultural) segundo o que dita a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

O ámbito do Camiño Primitivo foi delimitado mediante o Decreto 267/2012 de 5 de decembro, e calquera intervención dentro do mesmo ten que autorizala a Consellería de Cultura, xa que todas as rutas dos Camiños de Santiago incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, na que o Camiño Primitivo se atopa dende 2015, teñen legalmente a consideración de BIC. “O grave é que nin sequera o propio PXOM de Lugo está adaptado á delimitación oficial do Camiño Primitivo aprobada polo decreto de 2012, o que xenera problemas coma o actual e é unha evidencia máis da necesidade dun novo Plan Xeral que respecte o patrimonio e aposte polo urbanismo racional e sostible”, precisou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Os proxectos da pasarela que leva ao Anxo Carro, a ampliación do paso soterrado, a reforma da volta da Viña ou a descontaminación e posta en valor do barrio do Carme; todos eles invaden o ámbito delimitado como territorio histórico do Camiño Primitivo, polo tanto, requiren un permiso que o goberno local xa debería ter solicitado, “pois a Xunta ten a potestade legal de ordenar a suspensión de calquera intervención non autorizada nun ben de interese cultural”, e polo tanto podería paralizar a totalidade dos proxectos europeos da EDUSI. Os tramos dos carrís para ciclistas anunciados esta semana que están situados dentro do mesmo ámbito atópanse na mesma situación.

Segundo explicou Potomeñe, ACE-EU confirmou na Comisión de Seguemento da Estratexia DUSI celebrada esta semana que este trámite non foi contemplado polo goberno en ningún momento e que o goberno local non é consciente do que isto supón. De non telo en conta, o goberno estaría cometendo unha neglixencia contra un Patrimonio da Humanidade e incumprindo temerariamente a legalidade, polo que a alcaldesa debería actuar en consecuencia despois de coñecer esta deficiencia e corrixila canto antes”, sinala o concelleiro.

Para a formación, esta é a enésima proba da “irresponsabilidade e improvisación continuas” do equipo de Lara Méndez, que cando contratou a redacción dos estudos de viabilidade e proxectos da EDUSI “debeu ter esixido ás empresas participantes” a formación e cualificación suficiente en materia de investigación, conservación, restauración e rehabilitación para intervir nun ámbito BIC da categoría territorio histórico, coma o é o Camiño Primitivo. “Nos pregos de contratación non se requiriu ese requisito, incumprindo xa deste xeito tamén a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia”. 

ÚLTIMAS

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...

Un lucense gaña 2,6 millóns co Eurojackpot da ONCE

Un veciño da provincia de Lugo gañou 2,6 millóns de euros co Eurojackpot do...