Os municipios próximos ou incluídos dentro das áreas urbanas de Lugo e Ourense son os que clasifican maior cantidade de chans con dereitos de edificación por habitante en Galicia. Así o constata un estudo realizado na Universidade de Santiago.
O paradoxal é que o chan urbano por habitante segue un patrón inverso á caída demográfica, pois hai maior superficie de chan urbano por habitante nos municipios da Galicia oriental, sobresaíndo os municipios do norte da provincia de Lugo, así como na conexión Santiago-Ourense, municipios afastados do occidente galego, que experimentaron un crecemento demográfico nas últimas décadas, saliéntase no estudo.
Ademais, a área de influencia da cidade de Lugo é a que presenta maior superficie de chan industrial, canda os municipios das áreas metropolitanas e de influencia de Vigo, Santiago e A Coruña.
A oferta de chan industrial baleiro concéntrase principalmente na provincia da Coruña, alcanzando case a metade da superficie total de parcelas baleiras en Galicia. Pontevedra representa arredor do 22 por cento; Lugo, o 20 por cento, e Ourense, pouco máis do 8 por cento.
As infraestruturas, equipamentos e dotacións xogaron un papel clave. Por exemplo, o municipio de Castroverde, na área de influencia de Lugo, tentou clasificar chans urbanizables próximos á fronteira co municipio lugués cando tivo coñecemento de que se ía construír un hospital provincial nas proximidades.
A construción de autovías tamén fomenta que os municipios adquiran esperanzas de desenvolvemento e terminen programando chan industrial. Así, os autores do estudo destacan o exemplo do concello lugués de Abadín (Terra Chá), que tiña unha congregación de naves que non estaban delimitadas como polígono industrial, pero cando se abriu a autovía o goberno local delimitou a maiores un polígono na saída.
Os autores destacan, ademais, os casos de dúas comarcas do interior, Terra Chá e Deza, onde todos os municipios teñen chan industrial baleiro. Tamén destacan que malia que A Coruña é a provincia con maior cantidade de chan industrial baleiro, a maior cantidade de solo industrial baleiro por habitante localízase nos municipios próximos a Lugo e na zona interior desta provincia.
SOBREPRODUCIÓN DE SOLO EDIFICABLE EN GALICIA
Agás Murcia, a proporción de chan urbano por persoa triplícase en Galicia e Castela e León en relación ás comunidades do arco mediterráneo. O caso galego é especialmente paradoxal, xa que o plan urbanístico non deixou de ser expansivo nos últimos anos malia o declive demográfico. Segundo datos do catastro, a superficie urbana en Galicia (a suma de parcelas edificadas e edificables, exceptuando os núcleos rurais) é a que máis se incrementou en España.
O galego e o de Castela e León preséntanse como “casos anómalos en relación á clasificación de chan urbano e a súa evolución demográfica”. Segundo o estudo ‘Competir por crecer. Un análisis de la política urbanística en Galicia’, estas dos dúas comunidades, malia ser dúas das tres autonomías que están a perder poboación nas últimas dúas décadas, están clasificando máis chan urbano que Murcia, Valencia e Andalucía xuntas, comunidades onde si creceu a poboación.
O estudo mostra que “a clasificación que fan os municipios de chan urbano non parece estar relacionado coa dinámica demográfica presente” en Galicia. Así, afírmase que “os municipios galegos procederon a clasificar chan con dereitos de edificación nunha porcentaxe moi superior ás necesidades reais que se poden derivar da evolución demográfica na maioría dos casos”.
O estudo conclúe que “a sobreproducción de chan industrial pode ser considerada […] un síntoma dun escenario de competencia por capturar o escaso crecemento entre os municipios galegos”. Tamén, que “a cor política dos gobernos municipais inflúe substancialmente á hora de tomar a decisión nos municipios de clasificar chan con dereitos de edificación”, nun escenario de “baixa competencia electoral (un mesmo partido posúe máis da metade dos escanos a nivel local)”, onde ademais os partidos gobernanates teñen unha “orientación conservadora, sobre todo nas áreas rurais”.
En xeral, “os municipios galegos comportáronse dunha forma irracional, aínda que que a nivel individual o seu comportamento é totalmente racional, na medida que usan as ferramentas das que dispoñen para fomentar o desenvolvemento”, engaden os autores, para os que “a outra cara da moeda” é que a Xunta de Galicia estableceu en varios marcos xurídicos (Lei do Solo, Directrices de Ordenación do Territorio, etc.) regulacións que deberían velar polos principios de desenvolvemento territorial e urbano sustentable, “e estas parecen estarse a aplicar dunha forma moi laxa”. “A negativa do Goberno autonómico a entrar nun conflito cos municipios está detrás da pouca observancia destas regulacións”, sentenzan.