InicioSucesosOperación na provincia contra unha fraude á Seguridade Social

Operación na provincia contra unha fraude á Seguridade Social

Hai imputados en varias provincias do Estado. O cerebro da armazón para defraudar a Facenda foi detido en Oviedo antes de que fuxise a Miami.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Axentes da Policía Nacional destaparon unha fraude de 362.738,95 euros á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e ao Servizo Público de Emprego Estatal. A operación, denominada ‘Trafalgar’, realizouse principalmente en Asturias pero tamén nas provincias de Alacante, Barcelona, Cáceres, Lugo, Madrid, As Palmas e Valencia. O principal investigado desta armazón societaria non transparente foi detido en Oviedo cando estaba a piques de fuxir a Miami.

As investigacións policiais permitiron descubrir unha serie de delitos de fraude de cotizacións e prestacións e de falsidade documental, sendo imputadas 21 persoas. Ademais conseguiuse recuperar a cantidade de 84.559,05 euros, que foron ingresados na Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

O principal autor destes feitos ilícitos foi detido en Oviedo horas antes de coller un voo a Miami (Estados Unidos), onde pensaba establecer a súa residencia.

As primeiras indagacións iniciáronse ao ser detectada unha empresa de Oviedo que, ata o ano 2013, se dedicaba á distribución nacional e internacional de alimentos e bebidas e que tiña unha débeda de 124.000 euros coa Seguridade Social ao non abonar as cotas dos seus traballadores.

O inicio da falta de pagamentos coincidiu coa venda da sociedade a un empresario cubano, quen lle cambiou o sentido do seu obxecto social para dedicarse, supostamente, ás reformas e a construción trasladando a súa actividade á localidade de Ribadeo. Co fin de ocultar a súa verdadeira dirección, puxo á fronte da mesma ao seu pai como home de palla.

O resultado das investigacións puxo sobre aviso á Inspección de Traballo de Asturias, ao observar que outras empresas do administrador de feito da primeira empresa investigada cumprían con patróns similares respecto da xeración de débeda e a súa falta de actividade. Ademais contrataban un gran volume de cidadáns de orixe estranxeira, pautas que adoitan seguir as empresas denominadas ficticias.

EMPRESAS FICTICIAS

Unha vez estudadas as empresas sinaladas con indicios de fraude foron declaradas como ficticias por Inspección de traballo. Estas empresas, que non tiñan un obxecto social común, carecían de traballos realizados de forma constatable. Ademais non puideron achegar facturas, nin sequera clientes e provedores desde finais de 2012, polo que procederon de oficio a anular as altas de trinta e catro traballadores, na súa maioría de orixe cubana.

O exame da documentación permitiu demostrar que os traballadores declarados con altas ficticias obtiveron diversos beneficios conseguidos ilicitamente, de forma única ou conxunta, como son a consecución dos permisos de residencia e o cobro de prestacións de desemprego.

Exemplo do anterior foron os casos de dúas parellas radicadas nas Palmas. As mulleres, cubanas pero nacionalizadas españolas, presentaron un contrato de traballo coas empresas ficticias para a obtención do cartón de Residencia de Familiar Comunitario a favor dos que dicían ser as súas parellas. Polo menos una delas aproveitou para cobrar indebidamente as prestacións do SEPE.

A débeda á Tesouraría Xeral da Seguridade Social xerada polas tres empresas ficticias investigadas foi de 155.612,95 euros, e a fraude cometida ao Servizo Público de Emprego Estatal contabilizouse por valor de 83.096,20 euros, recuperándose por parte deste último organismo unha parte do mesmo grazas aos seus procedementos administrativos.

ÚLTIMAS

Desatascar a praia fluvial e as obras da Rolda Este, compromisos acadados entre Xunta e Concello

A Xunta de Galicia e o Concello de Lugo alcanzaron compromisos, tras unha reunión conxunta mantida este martes,...

A Deputación de Lugo vende cinco parcelas en dous polígonos industriais da provincia

Cinco novas parcelas industriais foron adquiridas nos polígonos de Paradela e Begonte nunha operación...

Dous mozos golpean no parque Rosalía de Castro a un home tras un altercado con dúas mozas por motivo de cartos

Un home maior foi golpeado brutalmente no parque Rosalía de Castro de Lugo por...

Cachan a dous condutores de patinete eléctrico borrachos en Lugo, un deles superando o límite penal

A Policía Local de Lugo detectou ao longo da semana pasada a dous condutores de patinete eléctrico...