InicioMedioambiente e PatrimonioQuen é responsable da conservación da Torre de Caldaloba?

Quen é responsable da conservación da Torre de Caldaloba?

Dende 2016, asociacións a prol do patrimonio e veciños de Cospeito instan ao Concello a rehabilitar o castelo, na lista vermella de Patrimonio Galego

PUBLICADA O

- Advertisement -

A situación da Torre de Caldaloba vai camiño de ser irreversible. Malia a preocupación de veciños e asociacións a prol do patrimonio, nin a familia propietaria nin as administracións toman a iniciativa legal ou financeira para afrontar a conservación duradeira deste Ben de Interés Cultural (BIC) sito en Cospeito. O tempo pasa sen que ninguén asuma ningún tipo de responsabilidade. Cales son as obrigas legais das persoas e autoridades vencelladas a esta fortaleza?

Derivada do mandado constitucional, a Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español (LPHE) establece que o groso das competencias executivas –agás as vencelladas coa defensa fronte ao espolio ou na xestión dos propios bens estatais– corresponde ás comunidades autónomas, que asumen a protección do patrimonio cultural, artístico, monumental, arqueolóxico e científico. Así o recolle o Estatuto de Autonomía nos artigos 27 e 32, que especifican competencias exclusivas para a defensa e a promoción do patrimonio galego.

O obxectivo principal da LPHE é asegurar a protección dos bens materiais. En consencuencia establece varios niveis de protección (categorías legais) en función da relevancia do ben; ningunha lei autonómica pode rebaixalos e así o confirma a xurisprudencia do Tribunal Constitucional. Estes niveis comportan unha serie de obrigas e responsabilidades para os propietarios e titulares do patrimonio.

No caso da Torre da Caldaloba, ostenta dende 1994 o máximo nivel de protección, correspondente a un Ben de Interés Cultural (BIC). Esta declaración obriga a unha especial protección e tutela, con plans específicos de conservación e inspección.

Como recolle a Lei de 1985, o mandato de conservación abrangue aos concellos, que deberán cooperar cos organismos competentes para a execución da conservación e a custodia do patrimonio comprendido no término municipal. Así, deberán adoptar as medidas oportunas para evitar o deterioro, pérdida ou destrucción, ou ben notificar á administración competente as dificultades para o coidado dos bens materiais.

Interior da Torre de Caldaloba | Turismo de Galicia

En Galicia, a Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural especifica que son as persoas propietarias, poseedoras ou titulares de dereitos reais as que están obrigadas a conservar, manter e custodiar debidamente, evitando a perda, destrucción ou deterioro dos benes protexidos. Así mesmo, están obrigadas a informar da situación do ben.

Chegado o caso, a administración ten o deber de compartir a consecuencia económica da conservación dun ben se a carga resulta desproporcionada. Por outra banda, en ningún caso o deterioro do patrimonio pode conlevar a reducción no seu valor e, por tanto, na protección do mesmo.

A lexislación galega contempla a expropiación cando se incumpre o deber de conservación. Este suposto depende da inspección da Consellería competente, que está obrigada a controlar, informar e propor medidas para a protección do patrimonio.

Trala revisión dos preceptos legais, queda patente que existe unha responsabilidade compartida en canto á Torre de Caldaloba. Primeiro, porque a familia propietaria da fortaleza hai alomenos un século que non realiza as tarefas de conservación. Segundo, porque o Concello de Cospeito non adoptou as medidas necesarias, nin notificou á Consellería de Cultura para a apertura dun expediente. E terceiro e non menos importante, as inspeccións obrigatorias do BIC dende a administración autonómica –que ten competencia exclusiva– non derivaron nin en axuda ao propietario nin en expropiación.

ÚLTIMAS

Unha muller morta e tres feridos, entre eles os seus fillos menores, nunha saída de vía en Xermade

Unha muller morreu na tarde deste luns nunha saída de vía en Xermade, na que...

Rueda ratifica a creación do edificio con 50 aloxamentos compartidos para mozos na rúa Illa Coelleira da cidade de Lugo

Lugo cidade e a provincia centraron este luns a reunión semanal do Executivo autonómico,...

Luz verde ambiental a un parque eólico de Naturgy en Láncara, Baralla, Castroverde e Baleira

O Diario Oficial de Galicia (DOG) informa este luns da declaración de impacto ambiental que...

Dous detidos e varios feridos tras unha pelexa con arma branca nun local de lecer de Lugo

Unha liorta nun local de lecer do barrio histórico de Lugo saldouse con dúas...