Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron un home como presunto autor dunha tentativa de roubo con forza nunha nave industrial en construción, onde foi “collido in fraganti” cando trataba de subtraer cable de cobre.
A intervención produciuse tras un aviso da sala CIMACC 091, que alertaba da activación da alarma nunha nave industrial en construción. Unha patrulla desprazouse ao lugar e, ao achegarse á parte traseira do inmoble, observou dúas persoas que botaban a fuxir a pé.
Tras unha persecución, os axentes lograron atrapar un deles dentro do propio recinto, mentres o outro conseguiu fuxir por unha zona do peche perimetral que fora forzada. Durante o rexistro da nave, os axentes atoparon unha cisalla.
O home detido foi posto á disposición xudicial, mentres continúan as investigacións para tratar de localizar e deter o outro implicado neste roubo frustrado.
