A Policía Local de Lugo detivo unha muller e a súa filla como presuntas autoras dun delito de violencia doméstica, por unha suposta agresión mutua durante unha discusión.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron a pasada fin de semana, cando o 092 recibiu un aviso para se desprazar a unha vivenda da zona sur da cidade, desde a que chamara unha muller para alertar de que acababa de ser agredida pola súa filla.
Unha dotación presentouse no lugar e atopou a muller no portal da súa vivenda, onde lles relatou que tivera unha discusión coa súa filla e que esta lle agredira, unha situación que se repetira en ocasións anteriores. Outros axentes contactaron coa filla, que permanecía no domicilio, e que explicou que, durante a lea coa súa nai, esta lle propinara un golpe no nariz, polo que a agarrou e a sacudiu ata que abandonou a vivenda.
Os policías procederon á detención de ambas e ao seu traslado a un centro médico, para a elaboración do parte facultativo, e despois a dependencias policiais, para tramitar as correspondentes dilixencias.
