Nas últimas semanas, o Concello levou a cabo tarefas de limpeza, restauración e selado das ventás arqueolóxicas situadas na rúa Doutor Castro, na praza de Santa María e na praza de San Marcos.
Para coñecer de primeira man a evolución destas tarefas e as necesidades que presentan estes espazos, a alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego, mantiveron unha xuntanza co arqueólogo municipal, Enrique González Fernández, e coa restauradora Iria López.
Esta primeira actuación serve como paso previo para avanzar nun proxecto de maior alcance. Co obxectivo de desenvolver unha intervención máis ambiciosa, os orzamentos municipais de 2027 incluirán unha partida específica para garantir a impermeabilización dos espazos e actualizar o sistema de ventilación para evitar a formación de condensacións.
Así mesmo, no caso concreto das ventás arqueolóxicas da rúa Doutor Castro, xa se deron as instrucións correspondentes para protexelas do paso de vehículos e do tránsito da maquinaria dos servizos de limpeza.
