Home Lugo e contorna Lugo O Concello de Lugo licita as obras de tres obras en Fontiñas

O Concello de Lugo licita as obras de tres obras en Fontiñas

0
O Concello de Lugo licita as obras de tres obras en Fontiñas
A falta de prazas de aparcamento en Fontiñas é unha demanda que afecta tanto ás persoas residentes como á actividade comercial e aos servizos da zona. Para dar resposta a esta necesidade, o Concello traballa en dúas liñas complementarias: a licitación de tres novos aparcadoiros e a apertura dun procedemento para identificar e adquirir máis terreos que poidan destinarse a un cuarto estacionamento público.

 

Neste marco, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de tres aparcadoiros disuasorios na rúa Primavera, na avenida Vila Verde e na Ronda Xosé Castiñeira, na contorna do Conservatorio de Música. As tres localizacións darán servizo á avenida das Fontiñas en diferentes puntos e permitirán habilitar 103 prazas para vehículos, ademais de espazos para motos e bicicletas. O orzamento conxunto das obras ascende a 273.578,56 euros, IVE incluído, e o prazo estimado de execución é de seis meses.

 

Tres aparcadoiros en distintos puntos do barrio: As 103 prazas distribuiranse en tres localizacións

 

🔹Rúa Primavera: 27 prazas.  O espazo acondicionarase con novas prazas, pavimentación, drenaxe, iluminación e sinalización. Tamén se mellorará a accesibilidade e a ordenación desta contorna, próxima ao trazado do Camiño Primitivo.

 

🔹Avenida Vila Verde: 18 prazas, unha delas reservada para persoas con mobilidade reducida. A actuación permitirá acondicionar e pavimentar o terreo, ordenar os accesos e delimitar os espazos de estacionamento.

 

🔹Ronda Xosé Castiñeira, na contorna do Conservatorio de Música: 58 prazas. Ademais do aparcadoiro, o proxecto inclúe iluminación, mellora dunha pequena zona verde e plantación de dúas árbores. Tamén se deixarán preparadas as canalizacións para unha futura instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos.

 

Os tres proxectos comparten unha solución de pavimentación que permite integrar a herba na superficie das prazas e ofrecer unha imaxe máis verde, semellante a un tapiz vexetal, en lugar de pavimentar toda a superficie. Esta solución favorece tamén a infiltración da auga da chuvia e reduce a superficie completamente impermeabilizada. As actuacións inclúen, ademais, a ordenación dos accesos, a sinalización e a reposición dos tramos de beirarrúa que se atopen deteriorados.

 

Un cuarto aparcadoiro público

 

Ás tres actuacións que hoxe sairon a  licitación súmase unha nova iniciativa para ampliar as posibilidades de estacionamento no barrio. O Concello abre un período de información pública para que as persoas propietarias de parcelas na contorna da Rolda das Fontiñas poidan ofrecer os seus terreos, coa finalidade de que o Concello estude a súa posible adquisición e o posterior acondicionamento como aparcadoiro público municipal.

 

Búscanse terreos cunha superficie de entre 2.000 e 4.000 metros cadrados, situados a unha distancia máxima de 150 metros dos límites da Rolda das Fontiñas. Tamén se poderán presentar varias parcelas limítrofes que, sumadas, acaden a superficie mínima requirida.

 

As persoas propietarias interesadas disporán dun prazo de 20 días hábiles, contado desde o día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, para presentar a documentación. Poderán facelo no Rexistro Xeral do Concello, a través da sede electrónica ou mediante a plataforma electrónica LECoL.

 

Unha vez recibidas as propostas, os servizos municipais estudarán a súa viabilidade técnica, urbanística, xurídica e económica. Trátase dunha fase de información previa, polo que non implica aínda a decisión de adquirir ningunha parcela. Con esta planificación, o Concello busca ampliar as alternativas de aparcamento en Fontiñas, facilitar o acceso ás vivendas, aos comercios e aos servizos do barrio e mellorar a mobilidade nunha das zonas con maior actividade da cidade.
+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here