Axentes da Policía Nacional detiveron en Lugo a tres persoas como presuntas responsables dun delito de roubo con forza nunha obra.
A intervención iniciouse tras un aviso da central de alarmas, que detectara a presenza dunha persoa no interior do recinto. Unha vez no lugar, as dotacións policiais coordinaron a súa intervención: unha delas accedeu ao interior, mentres as demais custodiaban os accesos á obra desde as rúas próximas.
Os axentes observaron a unha persoa rubindo por un valo e déronlle o alto en reiteradas ocasións, quen fixo caso omiso, fuxiu cara a un patio interior, cruzou un tellado e saltou un segundo valo. A continuación, accedeu por unha xanela á primeira planta dun edificio en obras. Tras atravesala, saíu polo outro lado e descolgouse polas estadas, onde esta persoa foi interceptada e detida.
Durante a intervención tamén foi detida unha persoa que manifestou permanecer no exterior realizando labores de vixilancia. Así mesmo, indicou aos axentes que outro implicado continuaba dentro do recinto.
Os policías continuaron a inspección e localizaron un home que permanecía oculto nunha habitación do segundo piso dun edificio próximo, na que había ferramentas e material de obra. Os axentes procederon á súa detención.