Home POLITICA A Deputación de Lugo pídelle á Xunta máis recursos para as provincias con menos habitantes

A Deputación de Lugo pídelle á Xunta máis recursos para as provincias con menos habitantes

0
A Deputación de Lugo pídelle á Xunta máis recursos para as provincias con menos habitantes
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o vicepresidente, Efrén Castro. DEPUTACIÓN DE LUGO

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, reclamou á Xunta de Galicia “decisións e investimento” para que a súa provincia teña as mesmas oportunidades que as da Coruña e Pontevedra. “Non podemos confundir ter menos habitantes con necesitar menos recursos”, advertiu.

Na que é a súa primeira comparecencia no Parlamento de Galicia, Carmela López debullou as contas da institución provincial para o próximo exercicio, unhas partidas que, segundo destacou, se incrementan case un 15%, ata os 155,2 millóns de euros, 20 millóns máis que en 2026 grazas ao aumento das transferencias do Estado.

Na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos, a tamén alcaldesa de Burela preguntouse se a Xunta “está facendo todo o necesario” para que Lugo teña as mesmas oportunidades que as provincias atlánticas e lamentou que leve “demasiados anos esperando por decisións que son fundamentais para o seu futuro”. “E cada ano que pasa sen tomalas, perdémolas”, afirmou, para asegurar que o “equilibrio territorial non se proclama”. “Constrúese con decisións e con investimentos”, subliñou.

Desde esta convicción e co obxectivo de reverter a sensación de que “desenvolver un proxecto na provincia segue sendo demasiadas veces máis difícil do que debería”, asegurou que presenta unhas contas que aumentan en 20 millóns de euros con respecto a 2026. Segundo destacou, esta suba próxima ao 15% permite ampliar a capacidade de investimento da institución, cuxo investimento real pasa de algo máis de 19 millóns a máis de 30 millóns de euros para o próximo exercicio. “Esta é unha das cifras máis relevantes do orzamento, porque detrás deste incremento hai recursos destinados a actuacións nos concellos, a infraestruturas, a equipamentos e á mellora dos servizos públicos”, apuntou.

Con todo, afirmou que un orzamento non debe valorarse unicamente polo seu importe, senón pola súa capacidade para responder ás necesidades do territorio e converterse nun instrumento de investimento de recursos públicos en actuacións útiles para a cidadanía.

AVISA DAS DIFICULTADES FINANCEIRAS DOS CONCELLOS

Neste punto, destacou que os 67 concellos da provincia representan a primeira prioridade das contas e, do mesmo xeito que fixo na súa intervención anterior o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, advertiu das dificultades dos consistorios para prestar “cada vez máis servizos” con recursos económicos, técnicos e humanos “limitados”. Unha realidade ante a que, segundo sinalou, o Plan Deputación contará en 2027 con 25 millóns de euros, 2,75 millóns máis.

Como segunda das prioridades citou as “comunicacións” e aproveitou para chamar a atención sobre o feito de que a Deputación xestione máis de 4.200 quilómetros de estradas, mentres que a Xunta, cun orzamento “20 veces maior”, teña “case tres veces menos” quilómetros de vías. Neste contexto, destacou que se reserva unha partida de 23,65 millóns de euros para o programa de estradas, un 25% máis.

Como terceira prioridade citou a atención ás emerxencias e sinalou que, entre outras cuestións, as contas recollen unha partida para proxectar un novo parque de bombeiros e que o seu goberno “avanza nunha proposta técnica para a integración dos grupos de emerxencias supramunicipais, os GES, no Consorcio Provincial de Bombeiros”. “Estamos en condicións de presentar o documento á Xunta e reservamos fondos no orzamento de 2027”, afirmou.

Carmela destacou que unha transformación desta importancia necesita planificación, acordos e compromiso económico das administracións implicadas e amosouse convencida de que serán “capaces de chegar a acordos”, ao soster que “a Xunta é consciente desta necesidade”.

A cuarta prioridade, segundo indicou, son os coidados, e puxo en valor que as contas recollan unha partida de 6 millóns de euros para a atención ás persoas maiores, un 37% máis. Sobre este asunto, aínda que puxo en valor a Rede provincial de residencias, aproveitou para chamar a atención sobre o financiamento destes centros. “Manter unha rede pública de atención ás persoas maiores require recursos suficientes e estables, e require que as administracións públicas implicadas establezan fórmulas de cooperación económica que teñan en conta o custo real dos servizos”, afirmou.

Por último, situou como quinta prioridade as oportunidades e subliñou o apoio aos sectores produtivos vitais para a provincia a través de distintas fórmulas, como as axudas aos gandeiros, os investimentos en turismo e dinamización do territorio e do seu patrimonio material, como a rede de museos e as instalacións deportivas.

FUTURO DA PROVINCIA

A quenda de intervencións dos grupos iniciouna o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, quen citou a canción ‘Blowin’ in the Wind’, de Bob Dylan, para preguntarse “cantos anos ten que esperar unha provincia polo seu futuro”. “A resposta está a flotar no vento e poderiamos dicir practicamente o mesmo da provincia de Ourense”, manifestou, para asegurar que Lugo e Ourense son “as provincias discriminadas”.

Tras iso, a vicevoceira parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez, puxo en valor o “esforzo investidor” das contas debulladas por Carmela López, cuxo reparto “se fai con criterios equitativos e xustos” para todos os concellos. “O PP pide que se incrementen eses fondos na Deputación de Lugo, pero despois resulta que o PP na Xunta denega que se faga un plan único”, afirmou, para asegurar tamén que se trata dunhas contas “ambiciosas e de futuro”.

A continuación, a deputada do BNG Montserrat Valcárcel destacou que Carmela López chegou á Deputación “nun momento difícil” para garantir que o goberno do PSOE e o BNG seguise traballando e “facéndoo cun estilo propio, escoitando os 67 concellos”. “Esa é a mellor forma de empezar”, considerou, para poñer en valor cuestións como o elevado nivel de execución orzamentaria da institución. Ademais, reclamou á Xunta un financiamento conxunto para as entidades locais e “xustiza territorial”. “Non somos unha provincia de segunda”, afirmou.

Pola súa banda, a deputada do PPdeG Nicole Grueira iniciou a súa intervención reprochándolle a Carmela López que sexa presidenta “grazas ao voto” de José Tomé, quen deixou o seu cargo á fronte da Deputación tras ser denunciado por un suposto acoso sexual. “O PSOE expulsouno das súas siglas, pero non renunciou aos seus votos”, afirmou, para asegurar que “o feminismo non se demostra con palabras, senón con feitos” e acusar tamén o BNG de “vender” os seus principios na institución provincial “por un millón de euros”.

Dito isto, falou de “sectarismo” e “opacidade” na actuación do goberno provincial e sostivo que os alcaldes do PP “deberían ter as mesmas oportunidades e recibir o mesmo trato”. “Seguimos vendo como o goberno bipartito lles pecha as portas aos alcaldes que non son da súa cor”, sostivo, para asegurar que se “seguen asinando convenios a dedo” con máis fondos para determinados consistorios, mentres se deixa fóra outros.

Tras as palabras da parlamentaria do PP, a presidenta provincial pechou as quendas de debate convidando a iniciar un “debate serio” sobre o financiamento dos concellos e sobre as responsabilidades que debe asumir cada administración no seu financiamento.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here