Home Memoria Histórica Homenaxe ao médico Rafael de Vega coa inauguración dun tótem diante do Fogar de Santa María

Homenaxe ao médico Rafael de Vega coa inauguración dun tótem diante do Fogar de Santa María

0
Homenaxe ao médico Rafael de Vega coa inauguración dun tótem diante do Fogar de Santa María

 

Rafael de Vega, médico que axudou a transformar a sanidade de Lugo na primeira década do século pasado, ata que foi asasinado, en 1936, ten dende hoxe un novo elemento de recordo na cidade, por iniciativa da súa familia e da Deputación.

Trátase dun tótem coa imaxe do doutor e un texto sobre a súa aportación á cidade que foi colocado no espazo exterior do Fogar de Santa María, un complexo que leva décadas en mans da Deputación, dedicado a usos administrativos, sociais e culturais, pero que na súa orixe foi un hospital en cuxa construcción foi determinante Rafael de Vega.

O tótem foi descuberto este sábado nun acto no que participaron familiares do doutor represalidado polo franquismo e o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández.

Fernández sinalou que de Vega foi unha figura fundamental na historia de Lugo, tanto pola súa achega á medicina como polo seu compromiso coa vida pública. Nado en Zazuar (Burgos) en 1889, Rafael de Vega chegou a Lugo en 1916 e axiña se converteu nun referente profesional e social. Defendeu unha atención sanitaria máis moderna e accesible, especialmente para as persoas con menos recursos, e traballou para dotar a cidade dun hospital á altura dos avances médicos do seu tempo.

Foi un dos principais impulsores do Hospital de Santa María. Para coñecer os modelos máis avanzados da época, viaxou a Santander e estudou o Hospital de Valdecilla. O centro lucense, deseñado polo arquitecto Luis Bellido González coa colaboración de Rafael de Vega e do daquela alcalde, Ángel López Pérez, abriu as súas portas en 1930. Nel, o doutor asumiu a responsabilidade do servizo de radioloxía.

A súa traxectoria profesional estivo acompañada dun intenso compromiso político. Republicano convencido e deputado nas Cortes pola provincia de Lugo durante a Segunda República, Rafael de Vega foi detido tras o golpe militar de xullo de 1936, sometido a un xuízo sumarísimo e condenado a morte. O 21 de outubro dese ano foi fusilado en Lugo, aos 47 anos.

“Rafael de Vega forma parte da historia de Lugo porque contribuíu a construír a cidade que somos”

A súa morte non puxo fin ás consecuencias da represión. A familia sufriu a incautación do seu patrimonio e padeceu durante décadas as consecuencias da persecución política. En xullo de 2024, o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática emitiu unha declaración de recoñecemento e reparación persoal na que se acreditaba que Rafael de Vega padecera persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a Guerra Civil. En febreiro de 2025, o Concello de Lugo aprobou por unanimidade o seu nomeamento como Fillo Adoptivo da cidade.

A memoria de Rafael de Vega, a súa contribución á modernización sanitaria e a inxustiza da súa execución forman parte dunha mesma historia. Como subliñou o deputado esta mañá, «Rafael de Vega forma parte da historia de Lugo porque contribuíu a construír a cidade que somos. E forma parte da nosa conciencia colectiva porque a súa morte nos lembra o prezo terrible que pode ter a negación deses valores». E engadiu que «noventa anos despois, o mellor homenaxe que podemos renderlle é manter viva a súa memoria, transmitir a súa historia ás novas xeracións e seguir defendendo unha cidade e unha sociedade nas que ninguén teña que sufrir persecución polas súas ideas».

A homenaxe contou ademais de con Miguel Fernández, con Rafael Pérez de Vega, neto do médico, que interviu en representación da familia. Tamén asistiron familiares e amizades de Rafael de Vega. Tras as intervencións, ambos descubriron o tótem informativo instalado no Fogar de Santa María, nun acto sinxelo de lembranza e recoñecemento coincidindo co 90 aniversario do seu fusilamento.

«Rafael de Vega dedicou a súa vida a coidar das persoas e a mellorar a sociedade na que vivía. A violencia arrebatoulle a vida, pero non pode arrebatarlle o lugar que merece na historia de Lugo. Que a súa memoria siga viva, concluíu o deputado.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here