A Audiencia Provincial de Lugo celebrou este venres a segunda xornada do xuízo contra o home acusado de tentar matar a tiros a outro en agosto de 2025 no Camiño de Sisulfes, nas inmediacións do centro comercial As Termas e para o que piden case dez anos de prisión. A declaración do acusado foi o núcleo da vista, na que o home insinuou que a vítima do tiroteo quere “arruninarlle a vida”, despois de denuncialo por unha agresión sexual á súa filla maior.
Durante esta segunda sesión declarou os peritos, que confirmaron a drogadicción do acusado, aínda que sinalaron que non existe “certeza total” de que estivese baixo os efectos das drogas no momento dos feitos. Tamén declarou un axente de policía que quedara pendente da primeira xornada e, finalmente, o procesado respondeu ás preguntas do tres avogados.
Na súa declaración, este situou a orixe do enfrontamento en 2023, por mor dunha infidelidade. Segundo explicou, a súa muller mantivo relacións coa vítima cando aínda estaban casados e que a filla menor de ambos é, en realidade, filla do outro home. “Nese momento é cando empezou todo”, afirmou, á vez que indicou que refixo a súa vida con outra muller e que non quere ter ningunha relación coa vítima.
Preguntado polo vídeo difundido no que ameaza ao outro home e a quen o apoien, si recoñeceu ser o autor, pero sitúao nunha época anterior ao tiroteo, concretamente dous anos antes, cando se decatou da infidelidade. Segundo a súa versión, tratábase dunha invocación aos patriarcas para que o expulsasen do clan e puxesen orde, “como di a lei xitana”, debido ao que, segundo el, fixera a vítima.
O acusado tamén aproveitou a súa quenda de palabra para cuestionar as acusacións e negar a súa participación no tiroteo. “Nunca toquei ningunha pistola. Eu non fun. Eu estaba a durmir cando pasou isto”, declarou. A continuación, puntualizou que estivera tomando copas e consumindo drogas a noite anterior cuns amigos e familiares e que se deitou pola mañá, polo que no momento dos feitos estaba a durmir.
OS FEITOS
Os feitos que se xulgan tiveron lugar o 17 de agosto de 2025, sobre as 15.40 horas, no Camiño de Sisulfes. Segundo o escrito da Fiscalía, o acusado achegouse á vivenda da vítima nun Nissan Almera, acompañado por outra persoa que permanece en paradoiro descoñecido, e dispararía varias veces desde o portelo do vehículo.
A vítima e un amigo, que estaban a arranxar un Seat León branco, conseguiron refuxiarse no interior da vivenda e evitar os impactos, que alcanzaron a carrozaría do coche. O escrito de acusación tamén recolle a publicación posterior dun vídeo en TikTok no que o acusado ameazaría á vítima con volver atacalo.
A Fiscalía solicita sete anos de prisión por tentativa de homicidio, 18 meses por tenencia ilícita de armas e un ano por ameazas. A acusación particular eleva a nove anos a petición de cárcere polo intento de homicidio, mentres que a defensa reclama a libre absolución e cuestiona a validez dos vídeos achegados como proba. A vítima tamén se atopa no cárcere tras ser detida por un tiroteo ocorrido este ano en cálea Primavera de Lugo, precisamente contra membros da familia do acusado.