O concello presentou un recurso ante a Xunta Electoral Provincial contra o acordo adoptado pola Xunta Electoral de Zona o pasado 22 de outubro, en relación coa visita realizada ás obras do aparcadoiro disuasorio do Ceao.
Desde o goberno local queren aclarar, fronte ás afirmacións trasladadas polo PSOE, que non se lle impuxo ningunha sanción á alcaldesa. O que acordou a Xunta Electoral foi a apertura dun expediente sancionador, unha decisión que non equivale á imposición dunha multa nin á existencia dunha resolución sancionadora firme.
Neste sentido, consideran especialmente grave que o Partido Socialista pretenda presentar como unha sanción o que non é máis que o inicio dun procedemento administrativo, omitindo as garantías legais e o dereito de defensa que lle corresponden a calquera persoa.
Unha visita de seguimento dunha obra en execución, non unha inauguración
O recurso presentado defende que a visita do pasado 14 de outubro ás obras do aparcadoiro do Ceao tivo carácter técnico e de seguimento dos traballos que se están executando.
Durante a visita non se produciu ningún corte de cinta, descubrimento de placa, discurso público, acto protocolario nin posta en funcionamento de instalación algunha.
Ademais, o propio acordo da Xunta Electoral recoñece que non quedou acreditado que se convocasen medios de comunicación para asistir á visita.
O goberno local lembra que a doutrina da Xunta Electoral Central permite expresamente as visitas técnicas a obras en execución destinadas a comprobar o seu estado, mesmo durante os períodos electorais.
«Unha convocatoria electoral non pode supoñer a paralización da actividade ordinaria dun concello nin impedir que os responsables públicos supervisen as obras que se están realizando», defenden desde o executivo municipal.
O Concello xa modificara voluntariamente a nota informativa
Outro dos aspectos relevantes é que o Concello, antes de que a Xunta Electoral adoptase o seu acordo, xa modificara voluntariamente a nota informativa publicada sobre a actuación.
En concreto, o 21 de outubro elimináronse as referencias comparativas aos anteriores gobernos municipais e a valoración sobre o antigo parque de enerxías alternativas, mantendo exclusivamente información descritiva sobre as características da obra, o investimento e o seu financiamento.
Esta rectificación realizouse por iniciativa propia, como mostra de respecto ao principio de neutralidade institucional.
Respecto ás institucións e defensa das garantías legais
Desde o goberno local subliñan o seu absoluto respecto polas decisións dos órganos electorais, sen que iso impida exercer os recursos previstos na lexislación cando existen discrepancias xurídicas fundamentadas.
O recurso presentado solicita que se revogue o acordo, se deixe sen efecto a orde de retirada da nota e se anule a incoación do expediente sancionador.
O executivo municipal lamenta que o PSOE prefira alimentar unha controversia política arredor dunha visita de seguimento dunha obra que permitirá habilitar 117 novas prazas de estacionamento no polígono do Ceao, cun investimento de 450.000 euros cofinanciado pola Xunta de Galicia e con fondos europeos.
«O que debería importar é que Lugo siga avanzando, que as obras se executen e que os compromisos coa cidadanía se cumpran. O PSOE debería ser máis rigoroso antes de anunciar sancións que non existen», conclúen desde o goberno municipal.