A primeira xornada de folga no sector do siderometal e do comercio do metal de Lugo rexistrou este mércores, 14 de outubro, un seguimento maioritario, segundo os sindicatos convocantes. A práctica totalidade das empresas da provincia mantivéronse pechadas, mentres as persoas traballadoras saían á rúa para esixir melloras salariais e avances nos seus dereitos laborais e sociais. A mobilización comezou a primeira hora da mañá coa presenza de piquetes informativos nos principais centros de traballo e polígonos industriais de Lugo, A Mariña, Vilalba e Monforte. Na capital lucense, os piquetes percorreron pola mañá o polígono do Ceao e, pola tarde, desprazáronse ás Gándaras, nunha xornada que rematou sen incidencias, segundo a información achegada polos representantes do persoal.
A manifestación celebrada ao mediodía en Lugo, que se prolongou durante unha hora, serviu para visibilizar o malestar do persoal ante a falta de avances na negociación dos convenios colectivos. A protesta conseguiu paralizar a actividade do sector nos dous principais polígonos industriais e provocar numerosas retencións de tráfico. Ao inicio da marcha, Afonso Losada, secretario de CIG-Industria, e Xosé Paz, secretario de CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, valoraron positivamente o seguimento da convocatoria. Losada asegurou que a práctica totalidade das empresas estaban pechadas, “cunha ampla disposición das persoas traballadoras a manter a mobilización para conseguir un acordo que responda ás súas demandas”.
Un dos principais motivos do conflito é a última proposta da patronal, remitida por WhatsApp, que inclúe un incremento salarial do 2 %. Losada considera que esta suba segue a ser “insuficiente” e critica tamén a proposta de redución da xornada laboral, limitada a catro horas e unicamente para o convenio do siderometal. Esta medida deixaría fóra o persoal suxeito ao convenio do comercio do metal, unha diferenza que os sindicatos rexeitan.
Xosé Paz lembrou que ambos os convenios se negocian de maneira paralela na provincia e advertiu de que non aceptarán diferenzas de trato entre os dous sectores. Ademais das melloras salariais e da redución de xornada, a patronal non asumiu, segundo os representantes sindicais, as reivindicacións sociais relacionadas coa ampliación das coberturas durante as situacións de incapacidade temporal (IT) nin coa revisión dos salarios para garantir o mantemento do poder adquisitivo. Os sindicatos encadran estas demandas nun contexto de suba dos prezos e encarecemento do custo da vida.
NOVA XORNADA DE FOLGA O 21 DE OUTUBRO
Entre as principais reivindicacións das persoas traballadoras figuran un incremento salarial digno, unha cláusula de revisión vinculada ao índice de prezos de consumo (IPC), a redución da xornada laboral e melloras nas coberturas durante as baixas e nos permisos laborais. Losada e Paz sinalaron que aínda non hai fixada unha nova reunión da mesa de negociación, aínda que reiteraron a disposición da representación sindical “a continuar dialogando para alcanzar un acordo”. Porén, advertiron de que, se non se producen avances que permitan pechar un pacto xusto, o persoal volverá á folga o vindeiro 21 de outubro. Os sindicatos tamén avaliarán novas convocatorias se a patronal non muda de posición.