A análise encargada pola Policía Nacional a un laboratorio confirmou que as pílulas atopadas por algúns escolares, e que estaban nun bus en Lugo no que ían nunha excursión, eran pastillas de éxtase.
Os feitos ocorreron o pasado 22 de setembro, cando cinco menores de 7 anos tiveron que ser trasladados ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) despois de entrar en contacto cunhas pastillas brancas que encontraran no interior do autobús no que viaxaban de excursión. Os pequenos pensaron inicialmente que se trataba de caramelos e algún deles chegou a chuchar as pilulas.
Os pais acudiron cos nenos ao centro hospitalario despois de localizar a bolsa que contiña as pílulas e porse en contacto co servizo de emerxencias do 061. En Urxencias de Pediatría, os menores foron sometidos a diferentes controis e permaneceron varias horas en observación.
Ningún do cinco escolares presentaba síntomas. A bolsa foi entregada a axentes da Policía Nacional desprazados ata o HULA co obxectivo de determinar que sustancia contiñan as pastillas. Segundo as primeiras apreciacións dos axentes, poderían tratarse de éxtases (MDMA), e as sospeitas confirmáronse tras a análise toxicolóxica.
As pilulas non tiñan inicialmente aparencia de medicamentos e levaban unha palabra impresa, un elemento que pode aparecer en determinadas sustancias estupefacientes.
A hipótese que se manexou sobre como chegaron as pastillas ao autobús é que puideron ser esquecidas por algún dos usuarios que utilizaron anteriormente o vehículo. Estes transportes son empregados habitualmente para servizos moi diversos, desde desprazamentos particulares e celebracións ata excursións, polo que a bolsa podería quedar no seu interior tras unha viaxe anterior.