O Mariñas Sound afronta a súa cuarta edición coa previsión de reunir a máis de 10.000 persoas durante os días 2 e 3 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. O festival, creado e impulsado por un grupo de mozos da cidade, ha ido crecendo desde as súas primeiras edicións e aspira agora a consolidarse como unha das principais citas musicais dirixidas ao público novo nos días previos ao San Froilán.
O CEO e un dos impulsores do festival, Bruno Castro Souto, foi o encargado, xunto co concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, da presentación do evento, na que explicou que o proxecto naceu dun grupo de amigos de pouco máis de vinte anos que decidiu organizar un evento para levar a Lugo a algúns dos seus artistas favoritos.
“Para min, Mariñas Sound é un festival moi importante, xa que é un festival que fago co meu grupo de amigos“, sinalou, destacando a satisfacción que supón alcanzar unha cifra de público que inicialmente non entraba nas súas previsións. Na presentación estiveron acompañados de Jaime Larrabe Vilariño, encargado de produción, e de Daniel Almoina Martínez, artista emerxente que forma parte do cartel.
Castro lembrou que nos comezos do proxecto calculaban que poderían chegar a reunir entre 2.000 e 3.000 persoas, pero recoñeceu que nunca imaxinaron alcanzar as cifras actuais. Para esta edición, a organización confía en superar as 10.000 asistentes sumando as dúas xornadas e considera que o festival deu un importante salto de calidade.
A programación comezará o venres 2 de outubro coas actuacións de 8BELIAL, Kristina, LG1DO, Yung Brandy, Sneaky Wh, 9Collazo9, Xmaseda, Sote, Dá Rossi, Zero Delay, Betty Bunny, Dkprichos, Elegnelo, Yng Almo, Ene Rxt e D10z. O sábado 3 será a quenda de MVRK, Guxo, Tarchi e outros artistas.A presenza de MVRK é unha das grandes novidades desta edición. Segundo explicou a organización, incorporar ao artista ao cartel supuxo unha dificultade engadida, pero responde á intención de elevar o nivel da proposta e ampliar o seu atractivo para o público.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura puxo en valor o percorrido da iniciativa e a capacidade dos seus promotores para converter un proxecto xurdido entre mozos nunha cita consolidada. Segundo sinalou, o feito de alcanzar unha cuarta edición cunha programación destas características demostra “a capacidade da mocidade lucense para impulsar novos proxectos culturais”.
