InicioPolíticaA Deputación de Lugo rexeita unha moción do PP para impedir o...

A Deputación de Lugo rexeita unha moción do PP para impedir o pagamento da defensa xurídica de Tomé

O debate derivou nun duro cruzamento de acusacións arredor da situación xudicial de José Tomé, quen negou ter pedido que a institución asumise a súa defensa.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pleno da Deputación de Lugo viviu este martes un intenso debate a raíz da moción presentada polo Grupo Provincial Popular para impedir que a institución provincial asuma os gastos de defensa xurídica de cargos políticos ou persoal acusado de delitos sexuais ou de actuacións que vulneren os dereitos das mulleres.

A iniciativa, na que tamén interveu o expresidente provincial José Tomé, foi rexeitada cos votos do Goberno e do deputado non adscrito. O voceiro popular, Antonio Ameijide, xustificou a moción asegurando que o presidente da Deputación e alcalde de Monforte, José Tomé, pedira que a institución provincial asumise o custo da súa defensa no procedemento xudicial por un presunto caso de acoso sexual. Segundo indicou, a previsión de gasto ascendería a uns 37.000 euros.

Ameijide reclamou ao PSOE e ao BNG que aclarasen a súa posición e preguntoulles se estaban “do lado dos lucenses” ou se preferían “blindar os intereses particulares de José Tomé”. O voceiro popular chegou a cuestionar se a suposta cobertura deses gastos formaba parte das condicións para o apoio de Tomé á investidura da nova presidenta provincial, Carmela López. Durante a súa intervención, o dirixente popular tamén acusou o PSOE de manter Tomé á fronte da Alcaldía de Monforte e reprochoulle ao BNG “estar disposto a todo por seguir pisando alfombra”. Ademais, cualificou de “hipocrisía” determinadas posturas políticas respecto doutros casos de agresións sexuais.

CARMELA LÓPEZ NEGA QUE EXISTA ACORDO NINGÚN

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela López, rexeitou de forma tallante as acusacións do PP e asegurou que “é rotundamente falso” que exista acordo ningún para sufragar a defensa de José Tomé con fondos públicos. López explicou que non existe “nin acordo da Xunta de Goberno nin resolución” ao respecto e sinalou que o único que hai é unha póliza de seguros de responsabilidade que cobre todos os deputados provinciais, con independencia do seu grupo político.

A presidenta insistiu en que o PP dispuxo dun prazo de dez días para “informarse e pedir máis documentos” e afirmou que calquera decisión sobre unha posible cobertura correspondería exclusivamente á compañía aseguradora. Así mesmo, reprochou aos populares as súas continuas “descualificacións persoais”, en referencia ás acusacións de que sería unha “monicreque” e de que José Tomé seguiría a ser o presidente na sombra. López concluíu asegurando que o PP estaba a construír un “relato político” baseado en acusacións sen fundamento e mentiras.

O BNG NEGA QUE SE VAIA PAGAR A DEFENSA DE TOMÉ

Pola parte do BNG, o deputado Efrén Castro foi igualmente contundente ao negar calquera posibilidade de que a Deputación financie a asistencia xurídica de Tomé. “Non houbo nin vai haber acordo para pagar asistencia xurídica para un deputado”, afirmou Castro, que acusou tamén o PP de mentir. “Non hai nin haberá un só euro da Deputación que vaia pagar esta defensa”, sostivo. O voceiro nacionalista asegurou que a moción popular se sustentaba en informacións falsas e criticou que se tentase “embarrar” o debate político con acusacións sen soporte documental. “O único que hai son mentiras”, sinalou, engadindo que unha proposta baseada nesas premisas carecía de validez.

TOMÉ NEGA TER PEDIDO NADA Á DEPUTACIÓN

O propio José Tomé interveu para defenderse das acusacións. O expresidente provincial asegurou que nunca lle pediu á Deputación o pagamento da súa defensa e que unicamente comunicou unha situación á que, segundo dixo, “ten dereito calquera membro da corporación en virtude da póliza existente”“Non pedín nada á Deputación, só comuniquei algo ao que teño dereito, igual ca vostede. A póliza é para todos”, manifestou. Tomé acusou Ameijide de actuar “cunha mente manipuladora que trata de enganar sabendo que o está facendo simplemente para sacar rédito político”.

Ademais, mostrouse convencido de que o procedemento xudicial concluirá favorablemente para el porque, afirmou, é inocente. Nese sentido, advertiu os populares de que lles esixirá desculpas cando quede acreditada a súa inocencia tras as reiteradas acusacións realizadas contra el. A moción popular abriu un dos debates máis tensos da sesión plenaria e marcou o final do apartado de asuntos do día antes de pasar á quenda de preguntas.

+ posts

ÚLTIMAS

Operación policial en Lugo para desarticular unha rede que explotaba mulleres colombianas, hai un detido

A Policía Nacional, nunha operación desenvolvida conxuntamente con autoridades policiais de Colombia, desarticulou unha...

A Deputación esixe á Xunta a retirada do decreto que pecha os centros de saúde os sábados

  O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes reclamarlle á Xunta de Galicia...

O Concello de Lugo inicia actuacións para a recuperación da contorna do Miño

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, visitou hoxe a contorna dos Robles para presentar...

Unha ex-axente de banca en Monterroso acepta cinco anos de prisión por estafar 250.000 euros a catro familiares

Unha exagente bancaria de Monterroso aceptou este martes cinco anos de prisión e varias...