- Advertisement -
O Concello de Lugo celebrou esta tarde no Círculo das Artes o acto institucional de nomeamento de Xoán Montes Capón como Fillo Predilecto da cidade, culminando así o procedemento aprobado por unanimidade pola Corporación municipal o pasado 28 de maio para recoñecer a unha das figuras máis relevantes da historia cultural lucense.
A celebración fíxose coincidir coa tradicional homenaxe que cada ano organiza o Orfeón Xoán Montes na festividade de San Xoán para lembrar a figura do compositor.
O nomeamento dá cumprimento á proposta impulsada polo Orfeón Xoán Montes, presentada no Rexistro Xeral do Concello o 17 de outubro de 2025 e aprobada por unanimidade polo pleno municipal o pasado 28 de maio. A iniciativa contou co respaldo dun amplo número de entidades culturais, musicais e educativas da cidade (entre elas o Seminario Diocesano de Lugo, o Círculo das Artes, o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, a Banda Municipal de Lugo, o Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo, Lucus Ensemble, Son de Lugh, diversas agrupacións corais e o IES Xoán Montes), culminando así un recoñecemento que o actual goberno municipal quixo materializar atendendo a unha demanda amplamente compartida pola sociedade lucense.
Durante o acto, a alcaldesa, Elena Candia, destacou que Lugo recoñece hoxe “a unha figura fundamental para entender a historia cultural e musical de Lugo e Galicia”. “Xoán Montes forma parte da nosa identidade colectiva. O seu legado segue vivo e continúa inspirando xeración tras xeración”, sinalou.
Pola súa banda o Presidente do Orfeón lucense subliñou que “o recoñocemento como FILLO PREDILECTO DE LUGO constitúe un acto de xustiza histórica. Lugo non só honra hoxe non só a un músico excepcional, senón tamén a un cidadán que levou o nome de Lugo e de Galicia á máis alta consideración cultural. Este momento representa o agradecemento colectivo dun municipio que recoñece a un dos seus fillos máis brilantes”. Miguel Varela engadiu “agardamos que a memoria de Xoån Montes continúe inspirando ás futuras xeracións, lembrandonos que a cultura é unha das maiores riquezas dun pobo e que as grandes obras nacen sempre do compromiso, do esforzo e do amor pola propia terra”
Un dos momentos máis simbólicos da celebración foi a entrega en custodia do título ao Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes. O presidente do Orfeón Xoán Montes, Miguel Varela, fixo entrega da distinción ao director do centro, Borja Durán, representando a transmisión do legado do compositor ás novas xeracións.
A alcaldesa agradeceu tamén o labor desenvolvido polo Orfeón Xoán Montes, entidade promotora da iniciativa, así como o compromiso mantido durante décadas na conservación e divulgación da obra do músico lucense.
O acto contou coa participación da agrupación de música tradicional Son de Lugh, da Banda Filarmónica de Lugo e do Orfeón Xoán Montes, que puxo o broche final coa interpretación de Negra Sombra.
