O Goberno de España deu un novo paso nas políticas de recuperación da memoria histórica co inicio do procedemento para declarar o antigo Cárcere Provincial de Lugo, actualmente coñecido como O Vello Cárcere, como Lugar de Memoria Democrática. O Boletín Oficial do Estado (BOE) deste venres publica a resolución que dá validez á distinción coincidindo con outra celebración histórica na cidade, o Arde Lucus.
O documento fundamenta esta distinción no valor histórico, simbólico e memorial dun espazo que desempeñou un papel central na represión franquista en Galicia durante a Guerra de España e os anos posteriores da ditadura.
O anuncio foi celebrado este venres durante unha visita institucional a Lugo polo secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, quen estivo acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia Rodríguez; o deputado provincial e exalcalde da cidade, Miguel Fernández, e representantes de diversas asociacións memorialistas galegas.
O acto non estivo exento de polémica, xa que tivo que celebrarse finalmente no exterior do edificio, despois de que o goberno local non cedese as instalacións municipais para o seu desenvolvemento. Os socialistas aseguran que o Concello lles indicou que o inmoble se atopaba plenamente ocupado debido á intensa programación vinculada á celebración do Arde Lucus.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, non asistiu ao acto institucional. Nese momento participaba nunha visita ao posto avanzado móbil do dispositivo de seguridade do Arde Lucus instalado no barrio da Ponte. Si estivo presente en representación do Goberno municipal o concelleiro Agustín Gallego.
Durante a súa intervención, Fernando Martínez destacou que o antigo penal lucense constitúe “un dos principais espazos de represión franquista en Galicia durante a Guerra de España e a posguerra”, subliñando a importancia de preservar e difundir a memoria de quen sufriron persecución, encarceramento e violencia por defender os valores democráticos e a legalidade republicana.
SÍMBOLO DE REPRESIÓN FRANQUISTA
Tamén fixo un percorrido pola historia deste penal, inaugurado en 1887 e que foi durante décadas un símbolo da represión exercida polo réxime franquista. Tras o golpe militar de xullo de 1936, as súas dependencias albergaron a centenares de persoas detidas por motivos políticos e ideolóxicos. Entre os reclusos atopábanse cargos públicos, representantes políticos, sindicalistas, activistas sociais e cidadáns “represaliados polo seu compromiso coa democracia ou simplemente polas súas conviccións persoais”.
O secretario de Estado lembrou as difíciles condicións que soportaron os presos, marcadas polo hacinamiento e as carencias materiais, e destacou o papel que desempeñou a prisión dentro da estrutura represiva do franquismo. Así mesmo, puxo o foco na situación das mulleres encarceradas por razóns políticas, “unha realidade frecuentemente invisibilizada nos relatos”, explicou.
Neste sentido, fixo unha mención especial a Consuelo Alonso González, coñecida popularmente como “A Comunista”, quen foi a única muller executada oficialmente na provincia de Lugo durante a represión franquista. A súa figura foi evocada “como símbolo de todas aquelas mulleres que sufriron persecución, prisión e violencia polas súas ideas políticas”.
Outro dos aspectos destacados durante a presentación foi a utilización de man de obra forzada procedente de presos políticos, explicando que numerosos reclusos participaron en obras públicas desenvolvidas na cidade dentro do denominado sistema de redención de penas polo traballo, unha práctica impulsada pola ditadura que permitía reducir condenas a cambio de realizar traballos forzosos en beneficio das administracións e organismos do réxime.
O secretario de Estado terminou a súa intervención cunhas emotivas palabras: “Todos aqueles que defendían a liberdade, que defendían a xustiza, eran o mellor de España. Non podemos esquecelos e hoxe vimos referendar este cárcere como lugar de Memoria, para que nunca, nunca, nunca se esqueza”.
No acto tamén interveu o exalcalde socialista Miguel Fernández, quen agradeceu a distinción do Goberno de España, e lembrou é simbolismo que ten para Lugo, na liña da intervención que realizou a pasada semana cando avanzou a inminencia da declaración. “É un gran día para a cidade e é un gran día para os demócratas”, sentenciou.
Tamén tivo unha intervención Guillerme Yeyo, da Fundación Luís Tilve, entidade memorialista, que agradeceu que se siga avanzando neste tipo de recoñecementos e lembrou que “Galicia foi un sitio de represión sen guerra”. Tamén quixo subliñar que actos como estes son un exemplo “para que a mocidade teña coñecemento do que pasou e non sexan eles os que vaian perder todos estes avances”.
UN PROCEDEMENTO DEFINITIVO
Coa incoación do expediente, O Vello Cárcere queda inscrito de maneira provisional no Inventario de Lugares de Memoria Democrática e pasa a contar coas medidas de protección previstas na Lei de Memoria Democrática.
Este recoñecemento supón un primeiro paso cara á súa declaración definitiva no prazo duns meses e garante a preservación dos valores históricos asociados ao inmoble. O proceso iniciouse hai máis dun ano e o Secretario de Estado visitou o Vello Cárcere pouco despois, comprometéndose xa naquel momento ao nomeamento.
Desde o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática enmárcase esta actuación “dentro do compromiso do Executivo cos principios de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición”. Martínez engadiu que o obxectivo é contribuír á conservación daqueles espazos que permiten comprender as consecuencias da represión e transmitir ás novas xeracións a importancia da defensa dos dereitos e liberdades democráticas.
A iniciativa súmase a outros procedementos xa iniciados en Galicia que continúan pendentes da súa declaración definitiva como Lugares de Memoria Democrática. Entre eles figuran o antigo penal das illas de San Simón e San Antón, a cidade de Ferrol e o Pazo de Meirás, enclaves todos eles estreitamente vinculados á historia da Guerra Civil, a ditadura franquista e a loita pola recuperación da memoria democrática.
