Xornada de moito traballo para os equipos de urxencia en Galicia debido a dous aparatosos accidentes de tráfico rexistrados nas provincias de Lugo e Pontevedra, que se saldaron con tres persoas feridas e importantes danos materiais. O sinistro máis grave tivo lugar arredor das 8:30 horas da mañá deste venres no concello lugués de Xove. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, tres vehículos vironse implicados nunha colisión múltiple rexistrada no Camiño Real de Xove. O accidente desencadeouse cando dous turismos sufriron un choque frontolateral e, xusto despois, un terceiro impacto contra eles.
UN VIXIANTE MUNICIPAL FERIDO EN XOVE
Malia o espectacular do envorco, os ocupantes non quedaron atrapados e puideron ser accesibles sen necesidade de que os bombeiros empregasen os equipos de excarceración. Con todo, dúas persoas resultaron feridas con lesións de diversa consideración e foron evacuadas por Urxencias Sanitarias-061.Unha das persoas feridas é membro do equipo municipal de vixilancia e da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Xove, colectivo que participou no operativo de seguridade xunto aos axentes da Garda Civil de Tráfico.
SAÍDA DA VÍA E COCHE AFUNDIDO NA MALEZA E NA LAMA
Por outra parte, o 112 Galicia coordinou outro operativo de rescate na noite deste xoves na provincia de Pontevedra, concretamente no municipio da Lama. O accidente tivo lugar sobre as 22:00 horas na parroquia de Caxate. Nese punto, unha condutora perdeu o control do seu turismo e sufriu unha saída de vía, acabando o coche afundido nunha zona de moita maleza. Debido ás dificultades do terreo para abandonar o habitáculo polos seus propios medios, os bombeiros do Porriño desprazáronse ata o lugar para axudar á muller a saír do coche. Unha vez liberada, a condutora recibiu asistencia por parte dos profesionais sanitarios do 061.
