A muller que denunciou o alcalde de Monforte e expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé, o pasado decembro por acoso sexual compareceu este mércores por primeira vez no Xulgado de Instrución número 3 de Lugo. A denunciante ratificouse nas súas declaracións e o seu avogado avanzou a posibilidade de “novas denuncias”. Nesta primeira sesión declararon pola mañá, a partir das 10.45 horas, tanto a denunciante como a súa nai e unha terceira testemuña, unha moza amiga da denunciante que, segundo a súa representación legal, presenciou os feitos.
Ao saír da sala, o avogado da denunciante, Luis Pena, explicou que a súa representada se ratificou nas súas acusacións, centradas sobre todo en supostas ofertas de emprego a cambio de favores sexuais. Pena tamén asegurou que a “relevancia que está a tomar este caso” fixo que saíse á luz a existencia de máis “posibles vítimas”, aínda que polo momento non está confirmado que haxa novas denuncias nin se sabe se esas persoas serán chamadas a declarar. “Dependerá do que decida a xuíza”, engadiu.
O avogado indicou tamén que durante a declaración quedou acreditado, “alén dos feitos”, que dirixentes do Partido Socialista a nivel galego “tiñan coñecemento” do asunto e que a canle de denuncias internas do PSOE “non está a funcionar como debería”. Nas tomas de declaración estiveron presentes tamén os avogados de José Tomé, que se negaron a facer declaracións mentres o caso continúe en fase de instrución. Tras esta primeira sesión, a xuíza deberá determinar agora se aprecia indicios de delito para abrir un procedemento contra o alcalde de Monforte. Do mesmo xeito, queda por ver se tamén serán chamadas a declarar outras mozas e se o fará o propio Tomé.
UN CASO QUE SAÍU Á LUZ NUN PROGRAMA DE TELEVISIÓN
O caso, que no seu momento provocou unha crise política que rematou coa renuncia de José Tomé á presidencia da Deputación de Lugo e á dirección do PSOE provincial, iniciou deste xeito o seu curso de instrución. Os feitos saíron á luz en decembro do ano pasado nun programa de televisión, no que se acusaba o entón presidente do PSOE provincial e da Deputación de abuso sexual. Ademais, no mesmo espazo sinalábase a dirixentes do partido, entre eles o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a portavoz provincial e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, por supostamente coñecer os feitos e non actuar.
A nai da denunciante, que traballaba para o partido e que agora está de baixa, insistira en que non contou co apoio do PSOE ata que o caso se fixo público nos medios de comunicación. Ao día seguinte, José Tomé notificou a súa renuncia a todos os cargos, agás ao de alcalde de Monforte, posto no que continúa como non adscrito —co apoio dos edís do PSOE—, aínda que negou rotundamente as acusacións e afirmou ser vítima dunha “persecución política”. O caso demorouse en converterse en denuncia formal, aínda que agora arrinca o proceso para determinar se haberá xuízo e se existen indicios de delito contra José Tomé.
