‘Raíces nas Augas’ é unha obra que reconstrúe, en palabras do seu autor, o bonaerense Hugo Javier Freitas, “con base en fontes primarias (rexistros civís e parroquiais, documentación portuaria e de migración, e arquivo familiar), as migracións entre Galicia e o Río da Prata (Arxentina/Uruguai) entre finais do século XIX e comezos do XX”. No seu caso particular e motivador á hora de emprender este traballo foi o seu vínculo galego, concretamente no Concello de Abadín, parroquia de Candia.
De onde eran os seus devanceiros e en que xeración se perde o seu arraigo galego?
Os meus devanceiros galegos procedían da zona de Abadín, na provincia de Lugo. O vínculo directo foise diluíndo co paso das xeracións, como ocorreu en tantas familias emigradas, pero nunca desapareceu de todo. Máis que unha perda completa, o que houbo foi unha transformación: a orixe permaneceu na memoria familiar, ás veces de maneira fragmentaria, en nomes, relatos, silencios e pequenas referencias que resistiron ao tempo.
Conserva familia e algún tipo de relación co Concello de Abadín?
Si, conservo relación coa zona de Abadín e coa memoria familiar vencellada a ese lugar. Ese vínculo non é só afectivo, senón tamén investigador: unha parte importante do traballo consistiu precisamente en reconstruír documentalmente esa conexión, volver sobre os lugares de orixe e comprender mellor o contexto do que partiron os emigrantes.
Froito desa relación familiar con Galicia nace a idea de escribir ‘Raíces nas augas’?
Si, sen dúbida. O libro nace dunha relación persoal e familiar coa emigración galega, pero intenta ir máis alá do caso privado. A partir desa experiencia concreta procurei reconstruír unha realidade máis ampla: como viviron a partida, a travesía, o traballo, a adaptación e a transmisión da memoria tantas familias emigradas entre Galicia e o Río da Prata.
“O libro nace dunha relación persoal e familiar coa emigración galega, pero intenta ir máis alá do caso privado”
O traballo aborda as migracións entre Europa e o Río da Prata entre o 1880 e o 1930. Por que escolle ese tramo, eses 50 anos de espazo temporal?
Porque é un período central para entender a gran emigración transatlántica cara á Arxentina e ao Uruguai. Nesas décadas concéntranse saídas masivas, transformacións económicas profundas e tamén procesos de instalación e integración moi significativos no Río da Prata. Ao mesmo tempo, o libro esténdese máis alá dese marco inicial e segue a pegada dos descendentes ata comezos da década de 1970, co obxectivo de reconstruír as traxectorias das familias en América e comprender como se foron integrando e adaptando ao novo contexto ao longo das xeracións. Nese percorrido interesa tamén mostrar como a emigración non remata coa chegada: permanece como unha presenza latente, ás veces case imperceptible —como un “membro fantasma”— que segue operando na memoria familiar, e abre a posibilidade dun “retorno simbólico”, a través do cal as xeracións posteriores reconstrúen e resignifican o vínculo coa terra de orixe.
Os casos nos que se documenta para escribir o libro son, principalmente, de familias galegas ou non só?
Non só. Hai un peso importante da experiencia galega, que é central no libro, pero tamén aparecen outras traxectorias europeas, especialmente do ámbito adriático. Interesábame poñer en diálogo distintos itinerarios migratorios para mostrar tanto as diferenzas como os puntos en común: o desarraigo, a travesía, o traballo, a construción dunha nova vida e a permanencia dos vínculos coa terra de orixe.
“Hai un peso importante da experiencia galega, que é central no libro, pero tamén aparecen outras traxectorias europeas, especialmente do ámbito adriático”
Explíquenos como é ese xénero escollido, ao que se refire como “investigación histórico-narrativa”.
É un tipo de escritura que parte dunha investigación histórica rigorosa –arquivos civís, parroquiais, documentación de época e memoria familiar– pero que non se presenta como un ensaio académico pechado. O que busco é reconstruír historias reais cunha forma narrativa accesible, capaz de achegar ao lector non só datos e procesos, senón tamén a textura humana da experiencia migratoria.
Que considera como diferencial do seu traballo respecto doutras obras sobre migracións?
Diría que o diferencial está precisamente nesa combinación entre rigor documental e procura dunha dimensión humana. Moitas veces as migracións explícanse desde cifras, estruturas ou grandes procesos. Iso é necesario, pero eu intento rescatar tamén o que queda nas cartas, nos silencios, nas perdas, nos afectos e nas marcas que a emigración deixa nas familias durante xeracións.
“o diferencial está precisamente nesa combinación entre rigor documental e procura dunha dimensión humana”
Cre que os procesos migratorios mudaron ata o punto de non ser xa comparables os da actualidade aos de antes… como os que vostede documenta?
Mudaron moito, claro, porque cambiaron os contextos políticos, os medios de transporte, as comunicacións e os marcos legais. Pero segue habendo elementos de fondo que permiten a comparación: a ruptura coa terra de orixe, a incerteza, o esforzo de adaptación, a busca dunha vida mellor e a tensión entre o que se deixa atrás e o que se constrúe no novo lugar. Nese sentido, as migracións actuais seguen dialogando coas do pasado.
Como valora o ‘estigma’ que deixou e, que quizais segue deixando a día de hoxe, a emigración naqueles que a viven?
A emigración tivo e segue tendo unha dimensión dolorosa. Durante moito tempo estivo asociada á necesidade, á separación e mesmo a unha certa ferida íntima ou familiar. Ás veces foi vivida con orgullo, pero outras tamén con tristeza, con sensación de perda ou de fracaso. Ese estigma non desapareceu de todo, porque migrar adoita implicar un custo humano moi fondo, aínda cando a experiencia abra tamén posibilidades novas.
Como podemos facer para conseguir ‘Raíces nas augas’?
Neste momento o libro pode conseguirse a través da web da editorial EOditorial.
Esta obra, segundo nos conta Hugo Javier Freitas, tamén conta cunha edición en alemán, dispoñible en: https://gabrieleschaeferverlag.de/epages/70ec613e-9c89-400c-8329-e2e57c4c4862.mobile/de_DE/?ObjectID=68309029
