A Deputación vén de iniciar as obras de mellora do firme en tres estradas provinciais ao seu paso polo concello de Meira. Son en concreto: a LU-P-3003, que conecta a vila de Meira coa N-640 por Leiras, unha vía que se renovará na súa totalidade; a LU-P-3005, de Couso a Vilar de Corota, que tamén se acondicionará completa; e a LU-P-4806, que conecta Vilaxe por Galegos e Ribeira de Piquín, que se rehabilitará en todo o trazado ao longo do municipio, desde o punto quilométrico 14,6 ao 20,3.
Os traballos afectan a tres das seis estradas provinciais ao seu paso por Meira e contan cun investimento da institución provincial de 221.397,2. Nestes días comezaron as actuacións coa reapertura de cunetas e a actuación inclúe tamén a reparación de desperfectos no firme, repavimentación e sinalización vertical. A empresa encargada dos traballos, Construcciones Carballeira SL, dispón dun prazo de mes e medio para a súa finalización.
Son tres vías que desenvolven un papel esencial na mobilidade do propio concello como no conxunto da comarca, porque vertebran o territorio na contorna conectando parroquias e núcleos dispersos de poboación e facilitan o acceso a servizos básicos. Ademais, as tres son fundamentais para a comunicación entre explotacións agrícolas e gandeiras. Polo que os traballos da Deputación virán mellorar as condicións de seguridade e comodidade de ducias de veciños e veciñas.
CONVENIO DEPUTACIÓN E FEDERACIÓN DE COMERCIO
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 40.000€ á entidade galega. O obxectivo da axuda é o de financiar o mantemento dunha oficina técnica de información e asesoramento para os comerciantes da provincia interesados en mellorar a súa competitividade.
Situada no centro de Lugo –na Ronda da Muralla, 52- esta oficina ofrece entre outras cuestións: asesoramento xurídico, fiscal e administrativo; apoio na dixitalización, innovación e venta online; axuda na xestión empresarial e acceso á financiación; ou cursos formación e actualización. Tamén dá servizo ás asociacións de comerciantes que non dispoñen de estrutura propia, impulsa o emprendemento e organiza campañas e eventos co obxectivo de promocionar o comercio local.
“Grazas a esta achega fortalecemos un sector estratéxico pola súa capacidade de xerar emprego e o seu papel na dinamización económica e social do territorio”, valorou Carmela López. Explicou que “facémolo dotando aos comerciantes das ferramentas necesarias para afrontar os retos actuais, especialmente no ámbito da dixitalización e da competitividade, e impulsando á vez un modelo de colaboración eficiente no tecido asociativo, garantindo un impacto directo, visible e sostible”.
Pola súa banda, Seijas, loou a implicación da Deputación Provincial de Lugo co tecido comercial lucense, manifestando que “con esta achega garantimos a información e apoio aos empresarios e estruturas comerciais, aportando ferramentas fundamentais para garantir a súa competitividade, fomentar o emprendemento e promocionar un sector cun papel económico e social estratéxico”.
O orzamento previsto para manter este servizo é deste ano de 349.000€. Uns fondos que serven para financiar a un equipo especializado e as instalación, desde as que ofrecen atención directa e asesoramento nos propios establecementos.
