A proximidade, a atención personalizada e a calidade asistencial definen o modelo de residencias impulsado pola Deputación de Lugo, unha aposta que se consolidou nos últimos anos como un referente tanto na provincia como no conxunto de Galicia. A día de hoxe, a institución provincial conta con nove centros en funcionamento, nos que arredor de 300 usuarios e usuarias reciben unha atención integral, adaptada ás súas necesidades e orientada a garantir o seu benestar.
A política social constitúe un dos piares fundamentais da acción da Deputación, unha liña estratéxica que se viu reforzada desde o ano 2019 coa posta en marcha dos tres primeiros Centros de Atención a Maiores en Trabada, Pol e Ribadeo. En apenas catro anos, a rede ampliouse coa apertura doutros seis centros en A Fonsagrada, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Ribas de Sil, configurando un modelo público, pioneiro e único. Ademais, o proxecto continúa en expansión coa construción de novas residencias en Becerreá, A Pobra do Brollón, Guitiriz e A Pontenova, que completarán un total de 18 centros previstos.
Este modelo singular baséase en residencias de pequeno tamaño, cun enfoque que prioriza un sistema público, próximo e de calidade, no que o benestar social e a dignidade das persoas ocupan un lugar central. A atención prestada é multidisciplinar e individualizada, abarcando as dimensións físicas, funcionais, cognitivas e sociais das persoas maiores.
DIVERSAS ACTIVIDADES E INICIATIVAS
Os centros contan cunha ampla programación de actividades destinadas a promover o envellecemento activo, incluíndo obradoiros de estimulación cognitiva, exercicio físico adaptado e propostas culturais e de lecer. Estas iniciativas contribúen a mellorar a autonomía persoal, fortalecer as relacións sociais e crear un ambiente dinámico e acolledor no día a día.
Ademais, trátase de residencias centradas nas persoas, que garanten un acceso en igualdade de condicións. Todas elas están situadas en concellos de menos de 20.000 habitantes, o que favorece a permanencia das persoas maiores no seu entorno habitual, evitando o desarraigo territorial e emocional e promovendo un ambiente próximo e familiar.
En definitiva, a Deputación de Lugo desenvolve en solitario un modelo pioneiro para facer fronte ao reto demográfico, garantir coidados de calidade e asegurar o benestar das persoas maiores, independentemente do lugar no que vivan.
