A deputada Iria Castro asistiu este domingo á Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, impulsada pola Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto.
A responsable de Cultura participou no acto inaugural, con pregón do actor Luis Besteiro, e visitou o espazo do ferro, con demostracións dos ferreiros riotortenses Agustín Iglesias, José María Cabo, Óscar Villada e Amando González, ademais de artesáns do ferro de Compostela, Culleredo,Oscos ou Navarra.
Iria Castro valorou “o traballo realizado pola Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto na organización da feira, que demostra o potencial que a tradición do ferro ten como motor para a dinamización económica, social e cultural do concello” e incidiu na necesidade de seguir impulsando “iniciativas que faciliten que o inmenso legado patrimonial dos oficios do ferro xenere actividade e futuro para Riotorto”
Posta en valor o patrimonio vinculado á tradición do ferro
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto, cunha achega nominativa de 14.000 euros para funcionamento e actividades.
Nese marco, a Asociación traballou nos últimos na documentación dos oficios do ferro e da súa repercusión económica, social e cultura, catalogando e rexistrando ferramentas e técnicas propias e afondando na orixe da tradición do ferro en Riotorto nas chamadas “ferrerías de monte”.
