InicioLugo e contornaPortomarínO PSOE de Portomarín denuncia uns orzamentos locais "pouco ambiciosos"

O PSOE de Portomarín denuncia uns orzamentos locais “pouco ambiciosos”

O PSOE tamén puxo en dúbida que as contas recollan investimentos reais e plenamente garantidos, xa moitas das partidas non están confirmadas e responden a solicitudes de subvención pendentes de resolución

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín votou en contra dos orzamentos presentados polo goberno local do PP no último Pleno ao considerar que se trata dunhas contas “pouco ambiciosas, simples e infladas con partidas sen confirmar”, incapaces de dar resposta ás necesidades reais do concello tras cinco anos co orzamento prorrogado.

O voceiro socialista, Sergio Vázquez, criticou que o alcalde presentase por primeira vez dende que está no goberno uns orzamentos “sen explicar practicamente nada á corporación e sen ofrecer ningún proxecto de futuro para Portomarín”.

Dende o Grupo Socialista cuestionaron especialmente o reparto das partidas, ao entender que evidencia unha falta absoluta de ambición inversora. “As inversións apenas medran en algo máis de 100.000 euros, mentres que a partida de persoal sobe en arredor de medio millón de euros. Iso demostra cales son as prioridades deste goberno e a escasa vontade que ten de impulsar actuacións transformadoras para Portomarín”, denunciou Vázquez.

As e os socialistas consideran ademais que o capítulo de investimentos é “moi pobre” e está lonxe do que precisa o concello. Segundo advirten, boa parte das actuacións previstas dependen dos fondos da institución provincial, fundamentalmente a través do Plan Deputación, o que evidencia “a falta de iniciativa do PP e a súa incapacidade para impulsar proxectos propios para Portomarín”.

O PSdeG tamén puxo en dúbida que as contas recollan investimentos reais e plenamente garantidos, xa moitas das partidas non están confirmadas e responden a solicitudes de subvención pendentes de resolución. “Non se poden presentar uns orzamentos como se todo estivese pechado cando hai actuacións que nin sequera teñen financiamento asegurado. Así, o único que se fai é inflar as contas e trasladar unha imaxe que non se corresponde coa realidade”, advertiron.

Durante a sesión, Sergio Vázquez interesouse por varias actuacións comprometidas nos últimos anos polo alcalde que non aparecen recollidas nos orzamentos e das que non hai avances nin explicacións. Entre elas, citou o millón de euros previstos pola Consellería de Medio Ambiente e Vivenda -a través dun protocolo asinado un mes antes das eleccións municipais de 2023- para a construción dun aparcadoiro subterráneo. Vázquez lembrou que o PSdeG sempre defendeu que eses fondos, ao proceder da área de Vivenda, deberían destinarse á creación de vivenda pública, dada a necesidade existente no municipio, e lamentou que a día de hoxe non exista ningunha información sobre ese compromiso.

Na mesma liña, o portavoz preguntou polos 3 millóns de euros anunciados para a depuradora e o saneamento, unha inversión que o PP asegurou nun acto público que sería asumida pola Xunta, pero da que non hai novidades nin reflexo nestes presupostos. Tampouco aparece ningún avance sobre o Plan Xeral, que o rexedor asegurara hai meses que comezaría a tramitarse no ano 2025, nin sobre as melloras no abastecemento de auga. “Levan anos anunciando actuacións e investimentos millonarios, pero cando chega o momento da verdade nada diso aparece recollido nos orzamentos nin se ofrece ningunha explicación”, reprochou Vázquez.

Segundo explica o PSdeG, outro dos motivos do seu voto en contra foi a falta de actualización das achegas municipais ás entidades e asociacións do concello. O grupo municipal denuncia que estes colectivos levan máis dunha década recibindo as mesmas cantidades, malia o incremento xeral dos custos e a importancia social, cultural e deportiva do labor que desenvolven. “As asociacións fan un traballo fundamental en Portomarín e non é de recibo que sigan tendo o mesmo apoio económico de hai máis de dez anos”, sinalan.

Dende o PSdeG conclúen que os orzamentos aprobados non responden ás necesidades reais de Portomarín nin representan o cambio que o concello precisa tras cinco anos sen contas municipais. “Portomarín necesita uns presupostos serios, detallados e ambiciosos. O que se levou ao Pleno foi xusto o contrario: unhas contas pouco transparentes, moi limitadas e sostidas en boa medida grazas á Deputación de Lugo”, concluíu Sergio Vázquez.

+ posts

ÚLTIMAS

Xulgan un home acusado de agresión sexual á técnica da ONG que o acollía

O Xulgado do Penal número 1 de Lugo viu este martes o caso contra...

Violento altercado entre dous acusados por agresión sexual na Audiencia de Lugo

Dous mozos protagonizaron este martes na Audiencia Provincial de Lugo un altercado no xuízo...

A Xunta destina 27,3 millóns á construción de 152 vivendas de promoción pública en Lugo

O Goberno galego autorizou a licitación das obras de construción de 152 novas vivendas...

‘Coñece a túa Provincia’ leva a 130 persoas a cinco destinos diferentes de Lugo

  O programa da Deputación Coñece a túa provincia leva estes días a 130 veciños...