A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de aglomerado en quente na estrada provincial LU-P-5712, no concello de Sarria, unha vía que conecta a parroquia de Barbadelo co núcleo de Vilei.
A actuación desenvólvese no treito comprendido dende o inicio da vía ata o quilómetro 1,2, cun investimento de 80.000 euros, e que permitirá mellorar de xeito notable as condicións de circulación e a seguridade viaria.
A empresa Cholo SL é a encargada de executar uns traballos que, tras a reapertura de cunetas xa realizada, continúan agora co estendido do novo firme en aglomerado en quente. A intervención completarase co repintado da vía e a reposición da sinalización vertical.
Esta estrada cumpre unha importante función de servizo á veciñanza, facilitando a conexión entre núcleos de poboación, o acceso a vivendas e explotacións agrarias, así como a súa ligazón co Camiño de Santiago. O prazo de execución global das obras é dun mes, condicionado polas condicións meteorolóxicas.
Durante o desenvolvemento dos traballos poderanse producir cortes puntuais de tráfico, que estarán debidamente sinalizados, habilitándose itinerarios alternativos para garantir a mobilidade e causar o menor prexuízo no día a día da veciñanza.
Con esta actuación, a Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso cunha rede viaria máis moderna, segura e adaptada ás necesidades do rural, contribuíndo a mellorar as comunicacións no conxunto da provincia.
