InicioEconomíaA Xunta aproba a licitación dunha liña de bus entre Ferrol e...

A Xunta aproba a licitación dunha liña de bus entre Ferrol e Lugo cunha única parada nas Pontes

A incorporación da nova liña entre Lugo e Ferrol suporá un incremento de dous servizos directos por sentido ao día entre as devanditas cidades, o que implica 1.408 servizos máis ao ano.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Consello da Xunta autorizou a licitación da nova concesión de servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada A Coruña-Ferrol- Ortigueira-Viveiro-Vilalba- Lugo, cun orzamento de case 2,7 millóns de euros. Na nova licitación prevese, ademais da continuidade dos servizos actualmente prestados, a creación da liña Conecta Ferrol-Lugo, cunha única parada nas Pontes de García Rodríguez.

Así o comunicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na conferencia de prensa posterior á celebración do Consello de Goberno semanal. Segundo apuntou, prevese que nos novos servizos viaxen unhas 8.500 persoas ao ano.

Amplíase así, sinalou, a rede de autobuses interurbanos impulsada polo Goberno galego para “reforzar as conexións directas entre as principais cidades de Galicia” e que se implantou por primeira vez hai un ano entre A Coruña e Lugo.

O obxectivo, tal e como incidiu, é avanzar no transporte colectivo como “elemento fundamental para progresar cara a un modelo de mobilidade sustentable na comunidade”.

A incorporación da nova liña entre Lugo e Ferrol suporá un incremento de dous servizos directos por sentido ao día entre as devanditas cidades, o que implica 1.408 servizos máis ao ano.

Así, de luns a venres disporase de tres servizos directos por sentido ao día, ás 6.30, 14.30 e 17.30 con saída desde Ferrol, e ás 6.30, 15.30 e 19.30 con saída desde Lugo, e haberá adicionalmente un servizo os venres lectivos ás 18.00 en dirección Ferrol e outro os domingos ás 20.00 cara a Lugo durante o curso universitario.

Rueda destacou que a parada intermedia nas Pontes estableceuse tras comprobar que máis de medio millón de desprazamentos anuais realízanse en vehículo privado entre Ferrol e a mencionada localidade.

Ademais, tamén se prolongará a actual liña Oza dos Ríos – Betanzos ata Curtis, e realizaranse algúns axustes horarios para atender peticións da cidadanía. A nova concesión suma un vehículo máis á prestación do servizo que a anterior licitación, de forma que serán 11.

A maiores destes municipios, a concesión, cuxa vixencia se prevé estender ata 2030, inclúe outros 58 concellos: A Capela, A Coruña, Aranga, As Somozas, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Cabanas, Cedeira, Cerdido, Curtis, Fene, Frades, Mañón, Melide, Mesía, Moeche, Narón, Neda, O Pino, Olleiros, Ortigueira, Oza-Cesuras, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado e Vilasantar, así como os lugueses de Abadín, Barreiros, Begonte, Burela, Cervo, Chantada, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Rábade, Ribadeo, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove. En Ourense a concesión atende aos concellos da Peroxa, Carballedo, Coes, Ourense e Vilamarín, e en Pontevedra, Agolada e Lalín.

LICITACIÓNS SENLLAS EN LAXE (A Coruña) E OMBREIRO (LUGO)

Por outra banda, o Goberno galego deu luz verde ao proxecto de construción e á próxima licitación das obras das novas sendas peonís na estrada AC-433, no concello de Laxe.

Destinará un investimento total de 1.102.524,85 euros (cofinanciados con fondos europeos Feder 21/27) á construción de dous novos tramos de senllas peonís nesta vía autonómica: un primeiro que parte do núcleo de Castrelo uníndose coa senda xa executada en Serantes, e un segundo que enlaza este núcleo co de Laxe.

Estes novos itinerarios, que se desenvolverán pola marxe dereita da estrada autonómica AC-433, no seu percorrido polo municipio coruñés de Laxe, alcanzarán unha lonxitude total de ao redor de dous quilómetros.

Así mesmo, o Consello da Xunta acordou someter a información pública o proxecto para executar unha senda na estrada autonómica LU-234 ao seu paso pola parroquia de San Martiño de Ombreiro, no concello de Lugo, cuxa execución suporá un investimento estimado de 869.819,36 euros.

O obxecto da actuación é a definición das obras que é preciso executar para a implantación dun itinerario seguro de uso compartido peonil-ciclista, de algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude, en paralelo á marxe esquerda desta vía autonómica, entre os núcleos rurais da Ponte e Riazón.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé someter nas próximas semanas este proxecto a información pública, para efectos expropiatorios, por un prazo de 30 días. A previsión é poder aprobar o proxecto de trazado no segundo trimestre deste ano e realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións, para a continuación tramitar o proxecto construtivo e licitar a obra. O prazo de execución da intervención é de 12 meses.

 

 

+ posts

ÚLTIMAS

O PP de Lugo esixe á Deputación a integración dos 16 traballadores de Suplusa tras a sentenza do Supremo

O PP provincial de Lugo esixe á Deputación que "rectifique" e integre aos 16...

O BNG de Lugo inicia o proceso para elixir a súa candidatura ás municipais de 2027

O BNG de Lugo arrinca este luns o seu procedemento interno para designar a...

Castro Carballedo non falta á súa cita coa carne ao caldeiro

A Feira da Carne ao Caldeiro e Produtos Locais chega este ano á súa XXIII edición...