InicioEconomíaA Presidenta abre a tempada das rutas fluviais pola Ribeira Sacra e...

A Presidenta abre a tempada das rutas fluviais pola Ribeira Sacra e que conta xa con case 14.000 reservas

Carmela López recalcou que “ano tras ano esta oferta turística, que inclúe viaxes polo Sil e o Miño, alcanza cifras de éxito. Así o demostran as case 60.000 persoas que participaron nesta experiencia na tempada do 2025”

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, acompañada de deputados e deputadas provinciais e numerosas autoridades da provincia, abriu este xoves a tempada 2026 das rutas fluviais da institución provincial pola Ribeira Sacra. A viaxe inaugural partiu do embarcadoiro da Ponte do Sil e marcou o comezo desta oferta de ocio, que xa conta con case mil reservas para a Semana Santa e preto de 14.000 para o total da tempada, que rematará na ponte de decembro.

Carmela López recalcou que “ano tras ano esta oferta turística, que inclúe viaxes polo Sil e o Miño, alcanza cifras de éxito. Así o demostran as case 60.000 persoas que participaron nesta experiencia na tempada do 2025”. A Presidenta resaltou tamén “o crecente carácter internacional desta proposta, xa que o pasado ano arredor dun 30% dos viaxeiros foron estranxeiros”. Nese sentido, a mandataria provincial puxo en valor que esta oferta de ocio “permítenos desfrutar dun enclave único, como é a Ribeira Sacra, admirar os seus canóns e percorrer algunhas das paisaxes máis impresionantes da provincia”.

Fixo especial fincapé no “importante revulsivo económico desta oferta para a zona e todo o conxunto da provincia, posto que as viaxes xeran un efecto multiplicador en termos de pernoctas e consumo, contribuíndo á dinamización dos sectores hostaleiro, turístico e comercial da comarca. Cada visitante que se achega a este territorio convértese nun embaixador do noso patrimonio”.

López enmarcou esta oferta de ocio “que poñemos en marcha desde hoxe mesmo no modelo de turismo polo que apostamos na Deputación de Lugo. Un turismo de calidade, sostible, de experiencias e dirixido a todo tipo de públicos co obxectivo de poñer en valor o noso territorio e coidar da contorna que nos rodea”. No marco desta estratexia que está a desenvolver a institución provincial, a Presidenta fixo referencia a outros programas como o Coñece a túa provincia, o programa de viaxes gratuítas que nesta nova edición ofrece máis de 3.000 prazas para que entidades sen ánimo de lucro descubran a nosa riqueza natural, patrimonial e cultural”.

Reservas, datas e horas

Nesta nova tempada mantéñense os dous percorridos: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e vai polo Miño. As persoas interesadas en desfrutar dos percorridos poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 na embarcación Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín.

No mes de marzo, as viaxes pola ruta do Canón do Sil comezarán o xoves día 19, con saídas tamén as fins de semana do 21 e 22 e do 28 e 29, en horario de mañá e tarde, ás 11:30 e ás 16:00 horas. Con motivo da Semana Santa, o servizo será ininterrompido do luns 30 de marzo ao domingo 5 de abril. Durante esas datas, o catamarán Mencía operará con saídas entre as 11:30 e as 16:30 horas, mentres que o Canón do Sil realizará percorridos entre as 11:00 e as 16:00 horas. Durante o resto do mes de abril, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta do Canón do Sil, mentres que a ruta do Cabo do Mundo contará con saídas as fins de semana.

No mes de maio, a ruta do Canón do Sil estará dispoñible de mércores a venres, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e as fins de semana ampliaranse os horarios, con percorridos desde as 11:30 ata as 17:00 horas no Mencía e desde as 11:00 ata as 16:30 horas no Canón do Sil. Con motivo da ponte do 1 de maio, as saídas realizaranse ás 11:30 e ás 17:00 horas no Mencía e ás 11:00 e ás 16:30 horas no Canón do Sil.

Durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, considerados de tempada alta, haberá servizo diario de luns a domingo, tanto en horario de mañá como de tarde, con diferentes franxas horarias en ambas embarcacións. A partir do 1 de outubro, as rutas pasarán a funcionar de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e as fins de semana engadiranse tamén percorridos ás 11:00 e ás 16:00 horas no Canón do Sil. Na ponte de outubro, o día 12 navegarán ambas embarcacións, mentres que o día 13 operará unicamente o Mencía no seu horario habitual. En novembro, o servizo limitarase ás fins de semana, con saídas do Mencía, e en decembro funcionará do día 1 ao 8, data na que finalizará a tempada.

No que respecta á Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, en xuño habilitaranse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias, ás 11:30, ás 16:30 e ás 19:00 horas. Durante os meses de xullo, agosto e ata a primeira quincena de setembro, o servizo funcionará todos os días da semana. Na segunda quincena de setembro, haberá dúas frecuencias, ás 11:00 e ás 16:30 horas. En outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e o día 12, con horarios ás 11:30 e ás 16:30 horas. En novembro, as viaxes realizaranse tamén as fins de semana, con saídas ás 11:30 e ás 16:00 horas, mentres que en decembro o servizo estará operativo do 1 ao 8, nas mesmas franxas horarias

+ posts

ÚLTIMAS

O PP de Pol denuncia que o alcalde só se centra no “seu proxecto futbolístico”

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol amosan a súa preocupación pola deriva...

A Ponte de Cruzul, a única neoclásica de Lugo, declarada BIC

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este xoves o real decreto polo que...

O goberno local de Guitiriz defende que as súas accións se efectuaron “con absoluto respecto á legalidade”

O goberno de Guitiriz defendeu este mércores que todas as súas actuacións "leváronse a...

“Canda Elena”, a canle con entrevistas en Youtube da ‘popular’ Elena Candia

A portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular en Lugo, Elena Candia, puxo en...