Esta tarde inagurouse no Pazo de San Marcos a mostra fotográfica e documental “O derradeiro trazo de xiz” de Miguel Muñiz, un proxecto que propón unha viaxe polas antigas escolas rurais de Galicia.
Esta iniciativa convídanos a realizar unha viaxe nostálxica e necesaria polas antigas escolas rurais de Galicia, moitas delas hoxe esquecidas ou desaparecidas. A exposición retrata con sensibilidade o esmorecemento daquela estrutura educativa, integrada perfectamente no ciclo agrícola e na vida familiar, especialmente coa Lei Xeral de Educación de 1970 e a consecuente concentración escolar nos grandes núcleos de poboación.
A través das imaxes, nas que antigos alumnos e alumnas son retratadas no que queda das súas escolas, os visitantes poderán conectar coa historia do noso rural e reflexionar sobre o desarraigo e a perda da cultura tradicional que supuxo o peche destas aulas. Ademais, grazas á integración de códigos QR, a mostra ofrece unha experiencia inmersiva onde se poderán escoitar os testemuños directos dos poboadores desas escolas, recuperando así as voces de toda unha xeración.
A deputada de Cultura Iria Castro, a xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago, a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro e o músico e mestre Antón Castro acompañaron, xunto a numeroso público, ao autor na inauguración da exposición na que se lembrou o colectivo pedagóxico de Mestras da Montaña e as mestras e mestres represaliados.
As intervencións coincidiron tamén en proxectar a mostra como unha oportunidade para honrar o esforzo de moitas familias galegas por darlles un futuro mellor aos seus fillos a través do ensino máis próximo e humano.
A exposición inclúe tamén mobiliario e material de aprendizaxe característico das escolas rurais. Pode visitarse ata o 13 de maio na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos
