InicioEconomíaUn cento de tractores toman Lugo contra o acordo UE-Mercosur e alertan...

Un cento de tractores toman Lugo contra o acordo UE-Mercosur e alertan da “desaparición” do sector primario

Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, acompañados de políticos do PP e BNG, percorreron, con dúas horas de atraso, a distancia entre a Xunta e a Subdelegación de Goberno.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un centenar de tractores percorreron este luns as rúas de Lugo para secundar a concentración convocada por Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema contra o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur. A mobilización reuniu a varios centos de persoas vinculadas ao sector agrogandeiro, que alertaron das graves consecuencias que, ao seu xuízo, terá este tratado para o futuro do sector primario e para a seguridade alimentaria. A protesta deu comezo ás 12.00 horas fronte ao edificio da Xunta de Galicia. Tras máis de dúas horas de agarda, foron chegando os tractores, que partiron desde Garabolos e avanzaron pola avenida da Coruña para completar posteriormente un percorrido pola rolda da Muralla. Finalmente, os vehículos agrícolas estacionáronse fronte á Subdelegación do Goberno, onde o tráfico permaneceu cortado durante varias horas.

Coa chegada dos tractores procedeuse á lectura dun manifesto e, a continuación, iniciouse unha manifestación até a Subdelegación do Goberno, onde os participantes corearon consignas contra o acordo comercial e en defensa dun maior control sanitario sobre os produtos importados, todos tras unha pancarta co lema “Coa comida non se xoga, non ao tratado de Mercosur”. En primeira liña tamén levaron un cadaleito para simbolizar o fin de sector e tamén dous carros da compra cos produtos hoxe prohibidos e que si se admiten en Mercosur, entre eles clembuterol. Na concentración estiveron presentes diversos representantes políticos. Por parte do Partido Popular acudiron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e a presidenta provincial do partido, Elena Candia. 

Tamén participaron representantes do Bloque Nacionalista Galego, entre eles Rubén Arroxo, así como o alcalde de Cervantes, o socialista Benigno Gómez Tadín. Durante o acto, os manifestantes advertiron de que o acordo con Mercosur podería supor a desaparición do sector primario en Galicia e sinalaron que os principais prexudicados serán os consumidores. “Os gandeiros sabemos o que comemos; o problema serán os demais, que consumirán produtos con hormonas e antibióticos prohibidos en Europa desde hai anos”, denunciaron. Por parte de Gandeiros Galegos da Suprema, José Núñez alertou de que o tratado implicaría a perda da soberanía alimentaria, “o que nos condena á desaparición”. As organizacións convocantes reclamaron que España se manteña á marxe do acordo, seguindo o exemplo de países como Francia e Alemaña, e esixiron coñecer que medidas pensa adoptar o Goberno ante as consecuencias que se aveciñan. 

Segundo explicaron, o sector produce con estándares de calidade moi elevados e verase obrigado a competir con grandes potencias agrícolas e vitivinícolas que operan con esixencias moito máis laxas, o que cualifican de “competencia desleal total”. Así o sinalou Pablo González, de Agromuralla, quen insistiu en que a poboación non é plenamente consciente da situación e reclamou “máis información”. A mobilización celebrada en Lugo marca o inicio dun calendario de protestas de carácter indefinido. A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, subliña que o sector esixe explicacións claras sobre os supostos beneficios do acordo e garantías de que todas as partes implicadas cumprirán os mesmos estándares de calidade. “Os produtos de Mercosur chegan con niveis de calidade moi baixos e non podemos permitir que se poña en risco a saúde da cidadanía a través da alimentación”, conclúe.

+ posts

ÚLTIMAS

O PPdeG reclama a PSdeG e BNG “asumir responsabilidades” por permitir que Tomé siga de alcalde e deputado

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, esixiu ao PSdeG e ao BNG...

O PPdeG non asistirá ao acto do 8M na Deputación de Lugo por mor do “branqueamento” de José Tomé

Os deputados do Grupo Provincial Popular de Lugo anunciaron este martes que non asistiran...

A Rede Museística é a institución de referencia no apoio á creación feminina segundo un informe

informe Las Artistas, aquí y ahora elaborado pola Asociación de  Mujeres en las Artes...

Senadores do PP de Lugo reclaman a Sánchez “concretar prazos” para reparacións na N-6

Os senadores do PP de Lugo reprocharon ao Goberno que "non concrete prazos" sobre...