InicioSociedadeVeciños de Parga e Guitiriz estoupan contra o Sergas polo recorte de...

Veciños de Parga e Guitiriz estoupan contra o Sergas polo recorte de médicos: de 5 facultativos a só 2 para 4.500 habitantes

Os afectados reclaman recuperar o consultorio de Parga e critican que o peche se comunicase cun simple cartel na porta.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Veciños das localidades lucenses de Parga e de Guitiriz concentráronse este luns diante da porta principal do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA) para protestar contra os “recortes” en materia de sanidade que lles deixaron con 2 médicos para atender a unha poboación de preto de 4.500 persoas e a eliminación do servizo médico no consultorio de Parga.

A concentración, na que se lanzaron varias proclamas para reclamar á Xerencia da área Sanitaria e de Atención Primaria a recuperación do servizo, estivo presidida polos representantes dos tres partidos políticos da Corporación, PSOE, PP e BNG, que aprobaron conxuntamente unha moción no último pleno para reclamar a recuperación integral dos servizos médicos.

O grupo agardaba poder ser recibido polo Xerente da área Sanitaria, Ramón Ares, ou o de Atención Primaria, pero o primeiro estaba en Santiago e o segundo tiña reunións toda a mañá e non atendeu nin aos manifestantes nin aos organizadores. Esta concentración súmase á realizada a pasada semana en Parga, ante o consultorio que se quedou só con servizo de enfermaría. A maior parte dos veciños acudiu a Lugo nun autobús fretado a medias entre o propio concello e a Comunidade de Montes, que tamén apoia estes actos reivindicativos.

Este novo episodio chega tras un longo historial de peches e reaperturas do consultorio desde a pandemia. Durante a crise sanitaria, o Sergas clausurou o centro argumentando que se pretendía centralizar a atención debido á elevada incidencia da covid, unha decisión que xerou un enorme malestar entre os veciños e derivou en concentracións, protestas continuadas e reclamacións formais ante o Sergas. O asunto chegou mesmo ao Parlamento galego.

A reapertura tardou anos, xa superada a pandemia, pero produciuse sen recuperar todos os servizos previos e con períodos intermitentes de funcionamento, o que mantivo a preocupación da veciñanza, que reclama máis profesionais e denuncia a evidente falta de facultativos que sofre Parga. Tanto os veciños como os representantes políticos reclaman ao Sergas tanto o feito do peche realizado desde o día 1 de decembro do consultorio de Parga, como o recorte da atención sanitaria, pasando de ter cinco médicos para atender a todo o termo municipal (3 en Guitiriz e 2 en Parga) a 2 en total, xa que un está de vacacións, outro de baixa e ademais estase procedendo ao concurso de traslados.

Seguindo a normativa, os dous facultativos están agora en Guitiriz, pero os veciños tamén están molestos pola forma na que procedeu o Sergas, que non mandou comunicado nin aviso de ningún tipo e “simplemente puxo un papel na entrada do consultorio”, explica a alcaldesa de Guitiriz. Ademais, lamentan os retrasos que se producen nas consultas, de ata quince días de agarda “aínda que están a dobrar quendas e tamén prolongando as xornadas para tentar atender a todos”, remarcan desde o BNG.

O representante do Partido Popular en Guitiriz, José Manuel López, tamén se sumou á concentración veciñal. “Porque eu me debo aos veciños e debo estar con eles, facéndolle chegar ao Sergas cales son os motivos de queixa e tamén contándolles aos afectados as explicacións que dán”, dixo. López explicou que a situación que se está producindo en Guitiriz está derivada da toma de prazas dos novos docentes, os cambios de destinos e a falta de médicos nas listas para cubrir baixas e vacacións.

“Desde o Sergas aseguran que se trata dunha situación puntual nestas datas e que unha vez superado o Nadal volverase a recuperar o servizo completo con dous médicos en Parga e servizo de enfermaría”, sostivo. López engadiu tamén que si ve criticable a forma de comunicar o cesamento do servizo durante este tempo “a través dun carteliño na porta do edificio”.

ÚLTIMAS

Luz verde a contratar as obras para desdobrar o tramo que concluirá a autovía que unirá Lugo e Sarria

O Goberno galego acordou, na súa reunión semanal, a aprobación da contratación por un...

Lugo estuda sancionar a concesionaria de extraescolares por falta de pagamentos

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo está a estudar posibles accións legais...

Lugo, en calma tensa pola crise do PSOE: o caso Tomé desata unha batalla aberta entre PP, BNG e socialistas

Lugo vive este luns unha xornada de calma tensa tras o estalido da crise...

Detido por negarse a ser identificado e agredir a un axente da Policía Local de Lugo

Efectivos da Policía Local de Lugo detiveron nas últimas horas a un home como...