InicioSucesosInvestigadas tres persoas pola contratación de temporeiros en situación irregular nunha explotación...

Investigadas tres persoas pola contratación de temporeiros en situación irregular nunha explotación agrícola de Lugo

A alerta saltou ante a presenza dun grupo numeroso de cidadáns de orixe africana aloxados nun establecemento en Ordes.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Garda Civil investiga a tres persoas como presuntas autoras dun delito contra os dereitos dos traballadores, pola contratación de temporeros de orixe africana en situación irregular, para traballar nunha explotación agrícola da provincia de Lugo. Segundo informaron fontes da Comandancia da Coruña, a investigación, bautizada como Operación Anavia, foi desenvolvida polo Equipo de Delitos contra as Persoas da Unidade Orgánica de Policía Xudicial (UOPJ) da Comandancia da Coruña, en colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) de Lugo, e iniciouse tras recibir unha alerta sobre a presenza dun grupo numeroso de persoas de orixe africana aloxadas nun antigo hotel de Ordes, establecemento que carece actualmente de licenza de hostalaría.

Unha residente do inmoble avisou á Garda Civil e cando os axentes acudiron comprobaron que esas persoas estaban desorientadas e non sabían onde dirixirse. Tras entrevistarse con eles, coa colaboración dos servizos sociais, logrouse recolocalos e iniciouse unha investigación para coñecer os motivos da súa chegada a Galicia. Esas pescudas permitiron comprobar que os migrantes, en situación irregular, viaxaran desde o sur de España, principalmente desde Granada, coa promesa de que traballarían nunha explotación agrícola de Lugo. Unha vez en Galicia eran distribuídos en distintos inmobles de varias localidades, onde debían pagar un importe diario polo aloxamento, ademais de pagar o transporte diario ata a leira onde traballaban.

INSPECCIÓN NA LEIRA

A Garda Civil localizou a leira, unha das máis extensas da provincia, e planificou un operativo conxunto coa participación da ITSS de Lugo, axentes de Policía Xudicial da Coruña e efectivos da Comandancia de Lugo. Nesa inspección foron localizados 92 temporeros, dos cales 82 eran cidadáns estranxeiros en situación irregular, sen permiso de residencia nin de traballo.

ARMAZÓN EMPRESARIAL

A investigación permitiu identificar unha armazón empresarial que facilitaba a contratación irregular dos temporeros. As empresas responsables da explotación subcontrataban a través dunha empresa de traballo temporal (ETT) con domicilio en Sevilla, que daba de alta ficticia a un número reducido de traballadores en situación regular, mentres empregaba sen contrato ao resto dos temporeros. Como resultado da operación, investigouse a tres persoas responsables de varias empresas supostamente implicadas nestes feitos, que foron postas a disposición do xulgado de instrución 2 de Vilalba.

O FORO GALEGO DA INMIGRACIÓN DENUNCIA A “INDEFENSIÓN” DESTAS PERSOAS

Foro Galego de Inmigración emitiu un comunicado para denunciar “outro gravísimo caso de explotación laboral de traballadores migrantes na provincia de Lugo”. O Foro sinalou que esta investigación “é un exemplo concreto e dramático da grave situación de indefensión” na que se atopan estas persoas residentes en Galicia e no resto de España. “Vítimas inocentes de persoas e empresas que pretenden aproveitarse desta situación, pero sobre todos vítimas da lexislación de estranxeiría”, advertiron.

Así, denunciaron que a actual lexislación “condena ás persoas migrantes a pasar un longo tempo en situación de irregularidade administrativa”, polo que reclamaron a “concesión inmediata de autorizacións de residencia e traballo” para as vítimas de explotación laboral e doutros delitos, de maneira que poidan permanecer en territorio español “en condicións dignas”, para que non haxa “unha dobre victimización”. O Foro tamén esixiu garantías de que “se aplicará co máximo rigor a lexislación vixente contra as persoas responsables deste grave delito”, xa que se viron casos nos que longos procesos xudiciais acaban en sentenzas “excesivamente leves para este tipo de delitos”.

Finalmente, pediu a aprobación inmediata da Iniciativa Lexislativa Popular ‘Regularización Xa’, que está na mesa do Congreso desde 2023, para regulizarizar a situación de máis de medio millón de persoas; e reclamaron tamén que se afronte de maneira “decidida e progresista” a modificación da lei de estranxeiría, porque o novo regulamento aprobado en outubro non evita a situación de irregularidade administrativa dos migrantes durante polo menos dous anos.

ÚLTIMAS

Pechado o paso a camións na LU-633 en Pedrafita por neve, e a N-6 e A-6 son transitables con precaución

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) informou da prohibición de circular camións e vehículos...

A Xunta evita as súas responsabilidades na planta de Coeses, en Lugo

A planta de biometano de Coeses, en Lugo, estivo presente este mércores na Cámara...

Aprobados os orzamentos de Lugo cos votos de PSOE e BNG e co ‘non’ do PP

O goberno local de Lugo sacou adiante os seus orzamentos para 2025 co voto...

A DGT aconsella circular con precaución pola LU-633 en Pedrafita debido á nevada

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) informa de que a circulación está condicionada na...