InicioCulturaAinhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total...

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

O primeiro evento tivo cheo absoluto.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio de Lugo. E fíxoo ao grande, co concerto da soprano vasca Ainhoa Arteta ante centos de cidadáns, que completaron na súa práctica totalidade os 900 asentos dispoñibles da sala principal. Antes de comezar o concerto, previsto para as 20.00 horas, descubriuse no vestíbulo principal unha placa co nome de Fuxan os Ventos, nome co que se coñecerá ao auditorio despois de que este fose elixido nunha votación popular entre catro propostas. No acto participaron numerosas autoridades, entre elas o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos.

O auditorio, situado na rúa Madanela, no barrio de Acea de Olga, conta con 15.575 metros cadrados construídos, que albergan dúas salas de espectáculos, unha para 900 asentos e outra para 300. Ademais, conta con servizos, oficinas, cafetaría e restaurante, pero estes últimos aínda non están abertos ao público. Como se esperaba, o auditorio rexistrou un cheo completo nesta primeira sesión, na que se escolleu a unha artista de renome que xa inaugurou máis auditorios coa súa voz. Arteta estivo acompañada do pianista Javier Carmena e repetirá actuación o domingo pola noite. O sábado, este novo espazo está reservado para a actuación da orquestra Terra Nova. Todas estas actuacións inaugurais son gratuítas, pero para acceder é necesaria invitación, aínda que xa están todas esgotadas. 

O conselleiro de Cultura asistiu á inauguración desta infraestrutura que cualificou como “importante referente cultural para a cidade e para toda a provincia”. Acompañado doutras autoridades, tanto locais como autonómicas, reivindicou o investimento realizado pola Xunta de 25 millóns de euros. O auditorio permaneceu pechado durante os últimos oito anos, desde que se terminou a súa construción, por falta de entendemento entre o goberno municipal e a Xunta, e antes da súa apertura foi necesaria un forte investimento para reparacións e posta a punto. Antes do comezo do concerto, ás portas do recinto concentráronse decenas de persoas para protestar contra a instalación da planta de biometano en Coeses.

+ posts

ÚLTIMAS

O PP aproba no Senado unha iniciativa para a rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas

O PP fixo uso da súa maioría absoluta no Senado para aprobar unha iniciativa...

O PP de Cervantes trasládalle á Xunta a “preocupación” pola atención médica na zona

Os concelleiros do PP de Cervantes reuníronse co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño,...

Lugo abre o canil de Frigsa aínda que con limitacións por motivos de seguridade

O Concello de Lugo informou de que a reapertura do canil de Frigsa, aínda...

O profesor acusado de presunto abuso sexual no colexio Albeiros di que todo é unha “confabulación”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a primeira xornada do xuízo que...