InicioSociedadeO centro médico de Navia de Suarna acollerá a medio cento de...

O centro médico de Navia de Suarna acollerá a medio cento de pacientes chegados da fronteira con Asturias

O Sergas xa atende no distrito de Valdeorras a pacientes de municipios pertencentes á comarca do Bierzo e, en Verín, pacientes de Alta Sanabria.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este luns dun acordo entre as comunidades de Galicia e Asturias para colaborar na prestación de asistencia sanitaria en determinadas zonas limítrofes de ambas as comunidades a través dun convenio autorizado na reunión semanal do Executivo autonómico. Mediante este acordo, autorízase o envío dos pacientes beneficiados, protocolos e asistencia sanitaria, así como o acceso ás historias clínicas ao Servizo Galego de Saúde.

O marco territorial de colaboración compono a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, e as áreas sanitarias asturianas con cabeceira en Jarrio e Cangas del Narcea. O ámbito de actuación inicial beneficia aos veciños da parroquia asturiana dos Coutos, con ao redor de 50 habitantes. No caso da atención primaria, inclúese a atención sanitaria programada, así como a demanda no centro de saúde asignado, e a atención continuada.

A poboación de referencia será derivada ao centro de saúde e á zona especial de urxencias de Navia de Suarna, situada a 26 minutos en coche fronte aos 45 minutos do seu centro de referencia, en San Antolín de Ibias (Asturias). O centro de saúde de Navia conta no seu persoal cunha médica, unha enfermeira e persoal administrativo. O número de cartóns sanitarios que atenden é de 872, dos que 837 son adultos, mellorando notablemente as recomendacións das sociedades científicas que sinalan que as cotas non superen os 1.500 cartóns.

A atención hospitalaria será prestada polo Servizo Galego de Saúde a través do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e incluirá a asistencia sanitaria urxente, consultas externas, hospital de día ou internamento cando sexa necesario. Neste caso, o tempo de viaxe verase reducido de 1 hora e 45 minutos a preto de 1 hora. Rueda explicou que, aínda que inicialmente non se contempla unha “contrapartida”, poderíase estudar a conveniencia, chegado o caso, de que veciños galegos puidesen facer uso de centros de saúde de localidades asturias, como ocorre, por exemplo, noutras zonas limítrofes con Castela e León.

TRANSPORTE DE PACIENTES

Con carácter xeral, todos os traslados interhospitalarios e o traslado dos pacientes derivados para ser atendidos na comunidade limítrofe serán por conta do Sergas, establecéndose mecanismos de colaboración entre as centrais coordinadoras de urxencias e emerxencias. Nos casos de urxencia vital ou tempo dependente, os servizos de emerxencias de ambos os servizos de saúde poderán solicitar a mobilización dos medios dispoñibles para unha correcta cobertura da situación.

En canto ás prestacións sanitarias facilitadas polo convenio, os gastos serán compensados polo Fondo de Cohesión Sanitaria ou o Fondo de Garantía Asistencial (Foga). Ademais, o Servizo de Saúde do Principado de Asturias (Sespa) comprométese a compensar ao Sergas polos gastos incorridos a causa do desprazamento dos seus profesionais sanitarios ou por necesidades de reforzo de persoal no ámbito territorial de colaboración.

GALICIA ATENDE PACIENTES DE LEÓN E PORTUGAL

Na súa intervención, o presidente galego lembrou que a Xunta mantén un convenio similar con Castela e León, polo que o Sergas atende no distrito de Valdeorras a pacientes de municipios pertencentes á comarca do Bierzo e, en Verín, pacientes de Alta Sanabria. De forma mutua, pacientes do municipio ourensán de Rubiá, concretamente da parroquia de Quereño, son atendidos pola sanidade de Castela e León (Sacyl) no centro de saúde Ponte Domínguez Flórez (provincia de León) se así o desexan. Igualmente, está prevista a derivación de urxencias ao Hospital do Bierzo (en Ponferrada).

Ademais, Galicia tamén presta asistencia sanitaria urxente nas zonas limítrofes con Portugal a través dun acordo subscrito entre a Consellería de Sanidade e o Instituto Nacional de Emerxencia Médica do Goberno portugués. Este acordo establece o marco normativo para desenvolver, a través do 061, a colaboración sanitaria nas emerxencias entre Galicia e o Norte de Portugal. O convenio de colaboración con Asturias autorizado este luns polo Consello da Xunta ten unha vixencia de catro anos e é susceptible de ser prorrogado.

HOSPITAL MONTECELO

Noutra orde de asuntos, Rueda informou de que o seu Goberno abordou este luns a primeira fase do plan de investimentos do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra, unha actuación na que está previsto investir 30 millóns de euros e que posibilitará avanzar na instalación dos equipos co obxectivo de comezar a tratar os primeiros pacientes a finais de 2025. Así, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra será o primeiro de Galicia en contar coa totalidade dos seus quirófanos dixitais, o que posibilitará a súa integración completa cos sistemas operativos do Sergas.

Esta mellora, á que a Xunta destinará unha partida de 1.480.000 euros, permitirá a interconexión dos diferentes equipos xeradores de imaxe no quirófano, a transferencia de imaxe e son fóra do propio quirófano, ademais da integración dos datos nos sistemas corporativos do Sergas (como a historia clínica electrónica Ianus). Outro dos equipos previstos será o de imaxe intraoperatoria para mellorar a obtención de imaxes na área cirúrxica ou contornas minimamente invasivas. O seu orzamento estimado é de 3,1 millóns de euros. Dentro da área de cirurxía, tamén se prevén 2,6 millóns de euros para dotar o Novo Montecelo dunha central de esterilización para o procesamiento do seu instrumental.

PARTIDA MÁIS IMPORTANE

A partida máis importante que inclúe a fase inicial do plan de dotación son os máis de 5 millóns de euros que se destinarán á adquisición de equipos de ecografía con destino ao conxunto de servizos do novo hospital. Así mesmo, os novos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear contan cunha consignación de 1,5 millóns de euros. Ademais, o Goberno galego licitará por 125.000 euros a compra de mobiliario clínico e equipamento, con destino a estas dúas unidades. Segundo a Xunta dotar das mesmas ao Hospital Público de Pontevedra evitará o desprazamento a Vigo de máis de 500 pacientes ao ano.

Entre as partidas reservadas para equipar o Novo Montecelo destaca tamén o investimento que se realizará para adquirir equipos de alta tecnoloxía, cuxo importe ascenderá, segundo as previsións, a 1.110.000 euros. En concreto, adquiriranse para a realización de estudos xerais de cabeza e colon, de tórax, abdome e musculoesqueléticos, estudos neurolóxicos e cardiolóxicos. En concreto, comprarase un tomógrafo computarizado para o servizo de Urxencias (659.000 euros) e investiranse 451.000 euros en dúas salas de radioloxía dixital sincronizada.

ÚLTIMAS

Ofertan 100 prazas para labores de panadaría nunha compañía do sector da alimentación de Lugo

Adecco publicou este mércores unha oferta de emprego de 100 prazas para labores de panadaría nunha compañía...

Dous cabalos soltos en pleno centro de Lugo

A Policía Local de Lugo informou de que, o pasado 28 de marzo, localizou na Avenida...

Miguel Fernández elude situarse sobre os candidatos a presidir o PSOE provincial

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, eludiu situarse e explicar a que candidato apoiará no...

Conduce cara o centro de Lugo superando 7 veces a taxa de alcol, co permiso sen vixencia e facendo eses

A Policía Local de Lugo interveu a pasada madrugada a un condutor que superaba sete veces a...