InicioDeportesA Vicepresidencia da Deputación e o CB Breogán pechan un contrato de patrocinio

A Vicepresidencia da Deputación e o CB Breogán pechan un contrato de patrocinio

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, veñen de asinar o acordo entre a institución provincial e o club celeste de cara á vindeira tempada 2024/2025. O importe pechado é de 484.000 euros.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Na liña dos últimos anos, o contrato de patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co CB Breogán implicará, ademais da presenza da imaxe institucional nas equipacións, a participación do club –-con xogadores, persoal técnico e outros recursos–  en actividades de promoción do deporte en centros escolares e clubs de base e en accións para difundir e visibilizar o traballo de asociacións do ámbito social, prestando o altofalante que ten o Breogán para apoiar a labor destes colectivos.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, reafirmou “o compromiso da área de Deportes co Breogán a través destes contratos de patrocinio, que sitúan á Deputación de Lugo como o principal patrocinador institucional, moi por riba doutras administracións con moita maior capacidade orzamentaria”.

Desde 2019 e sumando a cantidade consignada para a vindeira tempada, a institución provincial achegou ao CB Breogán 2,45 millóns de euros a través de contratos de patrocinio.

OUTRAS ACTUACIÓNS DE APOIO AO CLUB

Para a mellora e modernización dunhas instalacións que teñen máis de 30 anos, a institución provincial apoiou economicamente para realizar diferentes intervencións: melloras nos canlóns e baixantes para paliar os problemas de pingueiras e filtracións, aplicación dunha lámina asfáltica nas zonas máis vulnerables da cuberta,  posta en marcha dun contrato de intervención rápida para atender da forma máis áxil posible a desperfectos ocasionados por episodios de choiva intensa e instalación de novos asentos no aro inferior das bancadas da pista central.

Tamén se referiu Efrén Castro á renovación da iluminación, avanzando que se completará nas vindeiras semanas, culminando a substitución das luminarias e proxectores que se veu facendo de forma progresiva; e deu conta dos traballos de pulido e limpeza da pista, que se realizou nos últimos días. A maiores, vense de adxudicar un contrato de limpeza e impermebealización das fachadas do Pazo dos Deportes cun importe de 107.000 euros.

Por outra banda tamén se está a valorar a instalación dun videomarcador e un novo equipamento de son.  O vicepresidente explicou que se estuda a capacidade da cuberta para resistir a carga de peso adicional que suporía unha instalación destas características, e avanzou que, de confirmarse a viabilidade técnica, o vindeiro ano se  licitará a instalación deste equipamento.

NOVAS INSTALACIÓNS PARA O CLUB?

Aproveitando este encontro do vicepresidente da Deputación de Lugo co director xeral do CB Breogán, Salva Arco, constatouse a necesidade de novas instalacións en Lugo que atendan os retos que formula o crecemento do tecido deportivo lucense en xeral e do CB Breogán en particular.

Nese sentido,  ante a dificultade de realizar unha ampliación da superficie construída do Pazo  –que requeriría un cambio da normativa urbanística e instalacións alternativas para que Breogán e Ensino adestren e xoguen mentras se realizan as obras– ofreceu a man tendida da Deputación de Lugo para abordar a construción de novas infraestruras, contando co compromiso doutras administracións.

A este respecto, lembrou que o propio Pazo dos Deportes se construíu coa colaboracion da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello.

ÚLTIMAS

Investigadas tres persoas pola contratación de temporeiros en situación irregular nunha explotación agrícola de Lugo

A Garda Civil investiga a tres persoas como presuntas autoras dun delito contra os dereitos dos traballadores,...

Prealerta pola crecida do Miño en Lugo e cortadas dúas estradas por inundacións

O centro de control da conca da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil informou de que...

Empeora o estado das pallozas de Piornedo polo temporal e os propietarios piden axudas

O conxunto histórico das pallozas de Piornedo, unha aldea do municipio lucense de Cervantes...

Lugo iniciará este mércores o proceso para declarar zona verde os terreos do Garañón

O Concello de Lugo iniciará este mércores o proceso para que a zona do...