En pleno corazón da vila de Castroverde, en Lugo, atópase a residencia de maiores de O Castro. Forma parte da rede de centros de atención a persoas maiores da Deputación de Lugo e abriunos as súas portas para coñecer como é a vida neste lugar. Recíbenos Paz Fernández, psicóloga e responsable do centro, para ensinarnos un pouco das instalacións e presentarnos a Herminia e Celia, as protagonistas desta reportaxe. “O 90% dos residentes son desta vila e hai un contacto constante e estreito coa xente, de maneira que seguen vinculados á vida da veciñanza”, afirma Paz. Nada máis entrar atopámonos cunha ampla estancia de planta baixa na que se atopa a recepción, o despacho da directora con cristaleira, unha primeira habitación á dereita para ver a televisión ou recibir aos familiares. “Temos liberdade total no que respecta ás visitas, poden vir en calquera horario, salvo que coincida coa limpeza ou algo moi puntual. De feito, os residentes contan cun mes de vacacións que non se lles cobra e hai moitos que marchan ese mes ou quince días para estar coas súas familias. Algo que tamén poden facer no día a día simplemente con avisar”, expón a responsable.
Tras ver esa sala volvemos á estancia principal e xusto ao lado está o comedor, onde hai diferentes mesas cuns cinco sitios, xa montadas, para o momento do almorzo, a comida ou a cea: “É un espazo con moita luz, moi diáforo e tranquilo para os 29 residentes que temos. Xusto chega mañá a número 30 para estar completo”. En fronte están a sala polivalente e o ximnasio. Entramos na estancia dedicada á fisioterapia, xa que reciben terapia tres veces á semana con persoal interdisciplinar. Esta sala ten acceso a un dos lugares máis espectaculares e “terapéuticos”: o xardín. Un paseo con dous bancos con vistas á diversas flores cheas de cor e cun significado especial. Así o conta Paz: “É o xardín terapéutico porque está feito polos usuarios e poden apreciar a evolución daquilo que eles traballaron e coidaron. Algunhas flores das que vemos son escallos que traen das súas propias casas, como este rosal. Estimúlalles e acaban sentindo que é como o xardín das súas casas”.
UN PERCORRIDO POLAS INSTALACIÓNS
Tras saír ver o xardín, volvemos ao interior para ver a última estancia desta planta baixa, que é onde están practicamente todos os usuarios xuntos: a sala polivalente. Dividida en dous ambientes e coa posibilidade de realizar diferentes actividades de xeito organizado para evitar “trastornos de conduta”, que non se producen. Chama a atención unha muller de camiseta de flores en distintas cores que está soa nunha mesa pintando cos seus lápis. “É Celia”, di Paz, pero nese intre aínda non falamos con ela, que estaba concentrada.
Continuamos vendo a estancia e chegamos a un punto no que están varias persoas xuntas escoitando como unha profesional do centro lles le o xornal e falan sobre os incendios forestais en Galicia. Como estaban ben atentos, Paz decidiu ensinarnos outro lugar ao que lle sacan especial partido, no exterior, e que conecta co xardín. É unha especie de patio coas súas mesas e sillas e cunha horta na que plantaron zanahorias, leitugas, tomates e perexil. Ata teñen rego, non falta detalle. Este espazo permite realizar sesións de fisioterapia a primeira hora da mañá co sol saíndo e tamén vivir momentos únicos e diferentes. Por exemplo, este próximo 25 de xullo é a festa de Santiago apóstolo, patrón de Castroverde e haberá nesta estancia exterior unha celebración especial. De igual forma, os usuarios conviven moito cos cativos do colexio, saen e visitan aos nenos, almorzan con eles e os máis pequenos tamén fan o propio. “En Nadal, a cada neno se lle asgina unha persoa maior á que lle fan unha dedicatoria especial, que resulta do máis emocionante”, indica Paz.
COÑECEMOS A CELIA, AMANTE DO DEBUXO
Despois deste percorrido pola instalacións, xa nos agardan Celia e Herminia para contarnos a súa experiencia neste centro. As dúas levan os seus caxatos personalizados, locen cores vivas como o laranxa e o verde e Herminia expresa que non lle deu tempo a poñer o lapis de labios cor vermella. Sentan ao lado unha da outra, xa que son amigas e teñen a costume de saír todos os días tomar o café nun bar próximo. “Con ou sen café, pero coñezo á xente toda que atopo pola rúa, todos saben o meu nome, estou como na vila”, así se expresa Celia, que fai dous anos que chegou á residencia. “Vivía na casa co fillo e a nora, netos non tiven, e viven a uns cinco quilómetros polo que nos vemos cando queremos”. A decisión de ingresar confesa que foi porque no seu momento o fillo e a nora traballaban máis do que agora, no campo sobre todo, e ela pensou: “Se un día me meto nunha cama na que teñan que coidarme, non quero darlles esta carga”. Era consciente do que era iso porque o vivíu coa súa nai e, como xa coñecía a moitos dos residentes, animouse. Confesa que levaron un disgusto e que o fillo non se quixo meter demasiado: “Foi un acordo entre eu e a nora, pero o día que me viñen non sei onde estaba, que se agochou para non verme saír”.
“Nunca me pesou e estou mellor ca na miña casa, onde tiña que ao final traballar algo porque non me parecía ben estar sen facer nada, mentres eles si que facían”, explica Celia que valora todo canto hai. “Ao mellor hai algunha comida que me gusta menos, pero como menos e como máis doutras cousas”, di entre risas e destaca que non hai nada do que queixarse. De feito, menciona unha das cantas operacións ás que se someteu e o coidado que recibiu por parte do centro nese momento máis crítico.
Encántalle pintar os seus debuxos porque lle axuda a estimular a memoria. “Gústame moitísimo e teño unhas tres ou catro carpetas cheas de debuxos, no armario e tamén me gusta facer as terapias que realizamos aquí”, confesa. Paz, a responsable do centro, destaca que Celia combina moi ben as cores e que ten moi bo gusto. Recordan xuntas un dos momentos vividos, a procesión de Semana Santa “do Borriquito” e cando viñeron dar a bendición no Domingo de Ramos ao propio centro. “Eu ata chorei do bonito que foi”, manifesta Celia que fai fincapé de novo “o que diga que aquí non está contento, non está ben de aquí”, di sinalando á cabeza.
HERMINIA, TODA UNHA ENCICLOPEDIA
Herminia, que escoitaba atentamente a Celia, agora ela toma a palabra. Chegou fai tres anos e decidiu que era unha boa opción porque xa non podía estar soa na casa nin facer moitas cousas. “Non era quen de vestirme de cintura para abaixo, por exemplo”, expresa e destaca que foi decisión súa e que a día de hoxe non se arrepinte para nada. Inicialmente, ela quería optar a unha praza na residencia de maiores de As Gándaras, en Lugo, porque era onde residía. Porén, existía unha norma na que non collían ata os 75 anos e ela aínda non os tiña. Púxose en contacto coa asistenta social e así soubo deste centro en Castroverde.
“Estou moi contenta e, aínda que agora puidese ir para As Gándaras, xa non vou”, apunta e confesa que aquí ten de todo e que está moi agusto e con “liberdade total”. Xunto con Celia sae todos os días dar o paseo e tomar o café. Normalmente no seu día a día, baixa ao almorzo e logo vai descansar un pouco, volve baixar para comer e logo xa sae. Paz conta que Herminia é unha auténtica seguidora dos magazines de actualidade da televisión e que está enterada de todo. “É unha auténtica enciclopedia”, afirma.
Fai non moito mercou roupa nova porque lle gusta coidarse: “Para ir ao centro, en Lugo, tamén me preparaba así, na casa xa non tanto”. Entre as actividades destaca que vai á fisioterapeuta que lle dá “masaxes” e lle pon “correntes”, así como as terapias coa directora: “Ensinanos vídeos, explica temas xeráis e axúdanos a escribir. Eu estaba que case non sabía nin facelo, tiña o pulso torpe e agora xa firmo máis lixeira”.