Os canóns do Sil son un dos monumentos naturais máis impresiontantes de Galicia. Son moi coñecidos os miradores que hai en distintos concellos da Ribeira Sacra, pero non así as vistas que hai desde o corazón mesmo dos canóns do Sil. A Deputación de Lugo ofrece a posibilidade de percorrelo a bordo das súas embarcacións turísticas navegando os leitos fluviais do Miño e do Sil polos encoros dos Peares e Santo Estevo.
Nesta temporada mantéñense os dous percorridos habituais: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e vai polo Miño. As persoas interesadas en desfrutar dos percorridos poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es
No caso da ruta fluvial Canón do Sil, funcionan dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas entre as 107 do catamarán Mencía e 52 do monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo conta cunha capacidade total de 63 viaxeiros.
HORARIOS E VISITAS
No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co Día de Todos os Santos.
No caso da ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes dende o día 9 ata o 13, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro.
Ambas rutas rematarán a tempada a final de ano, con viaxes todos os días do 1 ao 8 de decembro.
TURISMO DE CALIDDADE
As rutas en catamarán buscan consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias, na natureza, para todo tipo de públicos, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, sobre todo no rural. Unha aposta da Deputación que se ve reforzada ano tras ano ao tratarse dun atractivo público e de calidade, ao que destina cada ano 800.000€, que se traduce nun importante retorno económico de primeiro nivel para esta comarca e para o conxunto da provincia de Lugo.
Por unha banda, incentiva a actividade no turismo, na hostalería e o comercio; pero tamén xera un retorno en termos de promoción, máis a medio e longo prazo, pero cun impacto moi importante, porque a gran maioría das persoas que desfruta das viaxes en catamarán, ou ben volven á Ribeira Sacra, ou ben se converten en embaixadores da gran riqueza patrimonial desta comarca e da provincia, o que anima a máis xente a regresar a este territorio natural.
Para a Deputación de Lugo este tipo de turismo é unha vía de desenvolvemento eficaz para a provincia pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego e, polo tanto, para fixar poboación.