InicioSociedadeA Plataforma Feminista de Lugo chama a "encher as prazas" o 8M...

A Plataforma Feminista de Lugo chama a “encher as prazas” o 8M cunha convocatoria “aberta” e “sen exclusións”

A manifestación convocada en Lugo o 8 de marzo porá o acento este ano na importancia de implementar unha "educación feminista" para poder lograr "a igualdade e a xustiza social".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Plataforma Feminista de Lugo fixo un chamamento este mércores, nunha convocatoria “aberta a toda a cidadanía” e a todas as mulleres “sen ningún tipo de exclusión”, a “encher as prazas” o venres nos actos programados para conmemorar o Día Internacional da Muller. Así o comunicou en rolda de prensa a portavoz da plataforma, Ana Torrón, que revelou que a manifestación convocada en Lugo o 8 de marzo porá o acento este ano na importancia de implementar unha “educación feminista” para poder lograr “a igualdade e a xustiza social”.

“Esta é unha convocatoria aberta á cidadanía, ás mulleres e aos homes, para que as nosas reivindicacións nunca se esquezan. Segue habendo unha diminución nos nosos dereitos e por moitas frontes quérennos relegar a ese pasado escuro ao que ningunha de nós quere volver“, comezou dicindo Ana Torrón.

A diferenza do sucedido noutras cidades nas que diferentes asociacións e colectivos do movemento feminista anunciaron a celebración o 8M de actos e mobilizacións diferenciadas ou separadas, a Plataforma Feminista de Lugo destacou o valor da “unión” á hora de levar a cabo accións reivindicativas.

En base aos valores do colectivo, fundamentados no “transfeminismo, a horizontalidade, a transversalidade e a apertura”, subliñou Ana Torrón, a Plataforma Feminista de Lugo fixo extensible a súa convocatoria a “todas as mulleres sen exclusión de ningún tipo e moito menos biolóxica”. “Unha muller que di ser muller, é muller e punto. Non somos tránsfobas. Nós entedemos o feminismo como algo que ten que unir e temos as mans abertas a calquera colectivo ou muller que queira reivindicar os seus dereitos ou protexelos”, puntualizou.

EDUCACIÓN FEMINISTA

A manifestación convocada para este venres partirá ás 20.00 horas da Delegación da Xunta en Lugo, transitará pola Rolda da Muralla en sentido inverso ao da circulación dos vehículos e concluirá na Praza de Santa María coa lectura dun manifesto e a actuación musical da artista lucense Tonita DJ.

Os actos conmemorativos, que estarán encabezados este ano pola escritora e poeta, Marica Campo; a traballadora do servizo de limpeza e activista, Chus Antas; e a feminista internacionalista, Estrela Ramil; subliñarán a importancia da educación feminista, explicaron desde a plataforma, “no ámbito infantil, administrativo, xudicial, policial, laboral e afectivo sexual”.

Durante a súa intervención ante os medios, a portavoz da Plataforma Feminista, que denunciou que son xa “30.000 as mulleres e nenas asasinadas vilmente no xenocidio” contra o pobo palestino, fixo público o seu desexo de que a convocatoria deste ano poida mellorar a cifra de asistentes rexistrada en 2023 e cifrada polo propio colectivo entre as “4.000 e 5.000 persoas”. “Este ano queremos superalo”, finalizou Ana Torrón.

ÚLTIMAS

Lugo inicia os trámites para abrir o novo comedor escolar de Fingoi II tras o anuncio da Xunta

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación, Iria...

Lugo promocionará en FITUR a súa rede museística coa campaña ‘Lugo é o match’

O Concello de Lugo participará de novo na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que...

Detido un home por un delito de lesións tras unha pelexa na mañá de Aninovo

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo detiveron a unha persoa como presunta...

O Concello de Lugo recepciona o aparcadoiro da Avenida de Breogán enmendarse as deficiencias

O Concello de Lugo anunciou que finalmente recepcionará o aparcadoiro da Avenida de Breogán,...