A protesta convocada polas organizacións agrarias galegas Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asaga, con desprazamento de tractores con motivo das concentracións convocadas, está a discorrer con cortes de tráfico nas provincias de Lugo e Ourense.
Así o informaron a Europa Press desde o Centro de Xestión do Tráfico do Noroeste, que precisaron que as incidencias se limitan, por agora, a un corte de tráfico na N-525 á altura da Gudiña, un dos puntos onde estaba convocadas as mobilizacións, e tamén en Pedrafita. Alí está cortado o tráfico no quilómetro 432 da N-V, sentido Madrid, coa presenza dunha trintena de tractores e un amplo despregamento de efectivos da Garda Civil.
Noutros, como a cidade da Coruña, onde hai convocada unha concentración ante a Delegación do Goberno, circulaban pasadas as doce e media polos accesos de entrada á cidade, pero “bastante rápido”, precisaron desde o Centro de Xestión do Tráfico. Á súa vez, a Policía Local explicou que o desprazamento é por dúas vías, unha dirección Matogrande, e outros por Alfonso Molina, unha decena en cada caso, aseguraron.
As protestas están convocadas en Pedrafita e Ribadeo e A Gudiña. Tamén na Coruña, ante a Delegación do Goberno, así como en Santiago, ante a Xunta, onde chegaron algúns, igual que en Lugo cidade con presenza duns 50 tractores e ocupando un dos carrís de circulación nos accesos. A estas mobilizacións, súmanse as convocadas noutros municipios como Lalín, Ortigueira e Vimianzo. Todo iso no marco dunha convocatoria para esixir unha “negociación real” co sector e “prezos xustos”.
PP
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, asegurou este martes que a Xunta “comprende” e “está á beira” das reivindicacións dos agricultores e gandeiros que se manifestan durante esta xornada, pero pediu pór “o foco” na lexislación europea.
En declaracións aos medios en Pontevedra, González demandou que “deixen de tratar de despistar” e instou a “fixarse no que reclaman os agricultores e gandeiros” que, tal e como explicou “ten que ver, sobre todo, coa necesidade de abordar a modificación dunha lexislación europea que impón múltiples trabas e que asfixia aos agricultores e gandeiros pondo en perigo a súa viabilidade económica”.
“Se atendemos ás súas declaracións, cando falan de caderno dixital, do veterinario de explotación, do decreto de nutrición sustentable dos chans, de flexibilizar os ecoesquemas, de que é necesario cambiar a rotación de cultivos, é lexislación que vén de Europa e que despois ten os correspondentes decretos nacionais”, apuntou. Así, expuxo que a Xunta “leva tempo manifestando ao Ministerio” que estas lexislacións “son inasumibles e poñen en perigo a viabilidade económica das explotacións”.
Este mesmo luns, lembrou o conselleiro, trasladoulle esta mensaxe ao ministro Luís Planas, ao que lle demandou que “fose o máis contundente posible ante a Comisión Europea para defender esta postura”.
O GOBERNO REIVINDICA AS MEDIDAS PARA O SECTOR PRIMARIO
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reivindicou as medidas promovidas polo Executivo central para dar resposta ás demandas de agricultores e gandeiros — entre elas un “prezo xusto” para os seus produtos e unha negociación “real”–, á vez que instou á Xunta a “arrimar o ombreiro”.
“Entendemos a preocupación do sector”, sentenciou o delegado do Goberno nunhas declaracións remitidas aos medios de comunicación. Nelas, defendeu as “solucións” do Executivo central como unha dotación de “máis de 4.000 millóns de euros en axudas extraordinarias” e 18 propostas “sólidas e traballadas, froito do diálogo co sector”.
“Para o reforzo da Lei de Cadea Alimentaria, a simplificación da Política Agraria Común (PAC), o apoio ao sistema de seguros agrarios, a rebaixa do gasóleo profesional e potenciar a incorporación dos mozos ao campo”, citou entre outras medidas.
Neste contexto, instou á Xunta a “arrimar o ombreiro” e a “asumir a súa responsabilidade” en lugar de “mirar a outro lado”. “Unha verdadeira implicación con medidas concretas para resolver a problemática”, recalcou. Por outra banda, apelou á colaboración coas organizacións agrarias e ao diálogo cun sector “estratéxico para a economía de Galicia”.