A transmisión de coñecemento dende a universidade depende en gran medida do pulo da administración pública. Poucas veces este modelo acada o alto nivel de satisfacción que amosan as partes implicadas no Impulso Verde, o primeiro edificio de titularidade pública que será construído integramente con madeira galega. Trátase dun proxecto no que participan o Concello de Lugo, impulsor da iniciativa, a Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidad Politécnica de Madrid.
Esta demostración de capacidade tecnolóxica xerou interese no eido comunitario, quedando ao abeiro do programa europeo LIFE Lugo + Biodinámico. Unicamente a Comunidade Autónoma de Andalucía e a cidade amurallada tiveron acceso a esta clase de fondos, consignados a plans de economía sostible que deben ter traslación física e duradeira, alén da adquisición de coñecemento. Neste senso, o Impulso Verde será o primeiro dunha nova clase de edificios que aproveitan as diversas capacidades da madeira como punto de partida dun novo modelo produtivo.
Un segmento en auxe
O equipo PEMADE -Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural- do Campus Terra iniciou o plantexamento a partir do desafío do cambio climático. O responsable do departamento, Manuel Guaita, explicou que o edificio debe ser “un fotograma do futuro da humanidade”, un concepto arredor da economía circular e a non xeración de elementos contaminantes. A madeira é un material excelso para cumprir con estes requisitos.
Isto débese á “intelixencia bioquímica” da madeira, que conta con suficiencia estrutural natural e ademais é biodegradable. Neste senso supuxo un fito incontestable a madeira contralaminada, que consta de táboas perpendiculares encoladas para a edificación en altura. A técnica foi empregada por vez primeira en 2009 nun complexo residencial en Londres, a raíz da experiencia de investigadores austríacos.
Na actualidade, as grandes capitais europeas empregan o contralaminado e existen plans para erguer rañaceos. Malia o inherente potencial no sector da madeira, Galicia renunciara a entrar neste modelo con materiais e técnica propia. Ata agora. O Impulso Verde será un demostrador con diferentes usos públicos que probará as vantaxes en custes, eficiencia enerxética e mitigación do efecto invernadoiro.
Características e funcións
O edificio, un poliedro de catro alturas para algo máis de 650 metros cadrados, conta cun orzamento dun millón de euros e un prazo de execución de doce meses. Este mércores aprobarase na xunta de goberno o inicio da licitación da obra, que será complementado polo desdobramento da avenida Duquesa de Lugo.
Mercé ao emprego de construción modular, os tempos e os custes serán máis competitivos. A replicabilidade dos módulos é un dos aspectos máis interesantes de cara á industrialización deste sistema arquitectónico, con perspectivas positivas para o emprego en forma de plantas de madeira contralaminada. Este segmento está a duplicar cada ano a súa demanda na Unión Europea.
O proxecto recolle a experiencia da cuberta gridshell recentemente premiada no principal foro internacional da madeira, e procura converter a Lugo, e por extensión a Galicia, nun produtor autónomo, que aproveita o seu clima privilexiado para incorporar as capacidades da conífera autóctona, e que lidera as solucións tecnolóxicas no sector.
No Impulso Verde, sito entre as avenidas Paulo Fabio Máximo e Duquesa de Lugo, ubicaranse varios servizos municipais, un espazo de colaboración para temas vencellados á economía sostible e de exposición do proxecto LIFE, aula educativa, terraza, zona de ocio e un xardín interior. O investigador Luis Ruiz García da Universidad Politécnica de Madrid, que colabora nos aspectos de infraestrutura verde, considera o resultado “formidable” e valorou especialmente o “compromiso e dedicación, institucional e técnico” dos actores involucrados.
O proxecto está coordinado polo profesor Antonio Rigueiro, da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, con dirección de Antonio Lara-Bocanegra, da Universidad Politécnica de Madrid, e conta co asesoramento do centro autonómico CIS-Madeira e mailo prace da Entidad Nacional de Acreditación (ENAC) para validar o emprego responsable dos recursos naturais.