InicioEconomíaA Xunta promete para 2019 as axudas para previr ataques do lobo

A Xunta promete para 2019 as axudas para previr ataques do lobo

Medio Ambiente avanza na reunión cos alcaldes do Xistral que ofrecerá as axudas para a prevención de ataques do lobo contra a gandería que non convocou en 2018

PUBLICADA O

- Advertisement -

Despois da decepcionante reunión cos gandeiros no mes de setembro, a Xunta está decidida a aumentar as contías das axudas para paliar os danos ocasionados polo xabaril e o lobo nas explotacións agrogandeiras. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, en reunión cos alcaldes da serra do Xistral.

O departamento autonómico comprometeuse este luns a ofrecer axudas por importe de 1,4 millóns de euros. A diferenza do acontecido no presente 2018, o goberno galego inclúe a convocatoria de subvencións para métodos de prevención dos ataques do lobo nos Orzamentos de 2019, e non só compensacións polos danos ocasionados.

Así, a Xunta habilitará unha liña para os danos causados polo xabaril –800.000 euros–, para o lobo –350.000–, e outra para previr os efectos da fauna silvestre en conxunto, que dispón 300.000 euros.

As reivindicacións dos alcaldes do Xistral

Os rexedores de Abadín, O Valadouro, Ourol, Muras e Xermade explicaron a situación “desesperada” dos gandeiros, que ven como o número de cabezas de gando cabalar na zona está a minguar polos ataques do lobo. Ademais, resposabilizan ao xabaril de danos nos cultivos e de ser “portadores da tuberculose que está a afectar ao gando vacún”, segundo expón o alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda.

Os alcaldes reuníranse con anterioridade para examinar os problemas da gandería na serra do Xistral, onde predomina a libre estabulación. Tres cuestións centran o discurso dos responsables locais. A primeira é a necesidade de axilidade para avaliar os danos causados polo lobo, “como moi tarde vinte e catro horas despois do ataque”. É o único xeito, advirten, de evitar a corrupción ou desaparición dos restos das cabezas de gando vítimas dos ataques.

A segunda demanda é incrementar as axudas de Medio Rural para prevención dos ataques do lobo, para o levantamento de peches ou a compra de mastíns. E en terceiro lugar, solicitan un censo das mandas que permita tomar decisións ben informadas na xestión do cánido. Investigadores e asociacións animalistas argumentan que a fragmentación das familias do lobo e a desaparición do cabalo de monte provocan un comportamento máis agresivo do predador.

Os rexedores cren que é necesaria “unha discriminación positiva” para os habitantes que sofren as consecuencias dunha riqueza faunística que ninguén cuestiona. “Temos que convivir, bestas, lobos e seres humanos –reclama Maseda–. O Xistral é o hábitat de todos”.

 

+ posts

ÚLTIMAS

Dous accidentes con feridos obrigan a cortar a A-6 en Baralla

A A-6, ao seu paso polo municipio lucense de Baralla, rexistrou a pasada noite...

O BNG apoiará a mobilización de usuarios nas residencias das Gándaras, en Lugo

A concelleira do BNG no Concello de Lugo Cristina López sumouse á nova mobilización...

Comezan as obras de mellora na estrada que une Lugo con Ponte Ombreiro

A Deputación de Lugo vén de iniciar este venres os traballos de rehabilitación dun...

O encontro Detrás dos Mestre Mateo reivindica Lugo como “centrop de creación cultural”

A deputada de Cultura Iria Castro reivindicou Lugo como “centro de creación cultural” no...