O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de prisión permanente revisable imposta pola Audiencia Provincial de Lugo, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, á veciña de Muimenta que asasinou a súa filla de sete anos durante a madrugada do 3 de maio de 2019. A Sala do Civil e Penal do alto tribunal galego, polo tanto, rexeitou o recurso de apelación presentado pola procesada e ratificou a resolución de primeira instancia, que concluíu que, coa finalidade de acabar coa vida da súa filla, cando estaba na cama con ela, pois durmían xuntas, subministroulle un fármaco con efectos sedantes e, seguidamente, “asfixiouna coas súas propias mans, para o que puido empregar, ademais das súas mans, algún dos obxectos que había na habitación -un coxín-”. Ademais, segundo a sentenza, a condenada era “coñecedora da intención do pai de modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas, co fin de que puidesen pasar máis tempo xuntos”.
“Resulta innegable que deu morte a súa filla actuando con aleivosía, e iso implica a comisión dun delito de asasinato coa agravante de parentesco”, indican os maxistrados do TSXG, á vez que recalcan que “as posibilidades defensivas da menor eran inexistentes”.
DESCARTADO QUE TIVESA AFECTADAS AS SÚAS FACULTADES MENTAIS
O tribunal do xurado descartou que a recorrente tivese afectadas as súas facultades mentais. O TSXG salientou que, na parte do obxecto do veredicto dedicada á análise da imputabilidade da acusada, ao xurado ofrecéronselle “todas as posibilidades para valorar a existencia ou inexistencia e, no seu caso, grao de intensidade da anomalía psíquica que eventualmente puidese padecer aquela”. Ademais, os maxistrados destacaron que o tribunal do xurado fundamentou a súa conclusión “nas probas forenses e de criminalística, que demostran unha premeditación dos feitos, achegando procuras repetidas de substancias velenosas, simulación de sintomatoloxía psicótica e unha clara intención de obstruír á xustiza, co intento de borrado e ocultación de probas, a negativa para entregar os dispositivos electrónicos e a variación repetitiva nas versións dos feitos”.
“As explicacións dos xurados son algo máis que sucintas e van moito máis alá do esixible e do habitual en casos similares”, recalcou a Sala do Civil e Penal, que sinalou na sentenza que da pericial forense “se deriva a irrelevancia do trastorno psicótico en canto ao feito da morte da menor”. No fallo tamén advertiu que a letrada da procesada pretende “reintroducir o debate sobre a imputabilidade que xa foi analizado”. Desta forma, a Sala afirmou que a proba “foi non só legalmente practicada, senón racionalmente valorada, sen indicio de irracionalidade algunha, sendo acorde ás regras da lóxica e ás máximas de experiencia”.
Polo tanto, o TSXG concluíu que non se probou “que a morte da nena fose a consecuencia do padecemento pola acusada no momento dos feitos dunha anomalía ou alteración psíquica que lle impedise comprender a non licitude do feito ou actuar conforme a esa comprensión, nin de maneira plena nin de maneira semiplena”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.