Malia que se especulaba coa retirada da proposición, o Partido Popular (PP) de Lugo finalmente seguiu adiante e pediu que o pleno municipal apoiase a modificación da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG), para que a lista máis votada puidese gobernar nos concellos. No proceso, desafiou a doutrina do presidente da formación, Pablo Casado, que esta mesma semana decidiu abandonar esta postura. A iniciativa morreu indefectiblemente pola oposición do resto de grupos.
De nada serviu a pirueta do texto presentado, que introducía a fórmula de segunda volta para determinar a vontade do elector. O discurso do voceiro popular xirou arredor da febleza aritmética do “precario” executivo local, “sen autonomía para tomar decisións” e obrigado a ceder “ás presións de quenes puxeron os sillóns do goberno”. En palabras de Antonio Ameijide trataríase dun “pacto de perdedores” para evitar que gobernase a formación con meirande apoio electoral.
De cara a solventar o “desgoberno”, a bancada popular propuxo un sistema reforzado para dotar o vencedor da “capacidade de sacar medidas”. Ameijide, que afirmou que o alcalde in pectore é o nacionalista Rubén Arroxo, retou á rexedora Lara Méndez a asumir que goberne a lista máis votada nos vindeiros comicios municipais. A lóxica do representante conservador baseouse na idea de que o resto de partidos non acadaron a confianza dos votantes.
Contradiccións
O órdago dos populares foi rexeitado claramente. O portavoz socialista, Miguel Fernández, censurou o “concepto patrimonial do poder” e vencellou esta “visión clasista” co intento de reducir os escanos no Parlamento de Galicia. En contraposición, reivindicou o pacto a través da “cesión e a xenerosidade”, convidando á “dereita montaraz” a “aprender a negociar” posto que “ninguén quere pactar con vostedes”.
Por Alternativa Cidadá de Esquerdas, Carlos Portomeñe lembrou o incremento do umbral mínimo para acceder á cámara soberana galega. Mencionou asemade o custe en votos de cada concelleiro na corporación de Lugo, que baixo a lexislación vixente xa estabelece primas para as listas maioritarias: mentres que o PP precisou algo máis de mil seiscentos votos por asento, para ACE sobrepasou as duas mil papeletas.
A doutrina Casado
Portomeñe fixo referencia á postura do presidente dos populares, Pablo Casado, que esta mesma semana sentou a nova doutrina poselectoral perante a perspectiva en Andalucía, favorable a un pacto entre a segunda e a terceira forza no caso de que o Partido Socialista venza nas urnas. Continuou pola mesma liña Lugonovo, en referencia ás primarias do PP, nas que o propio Casado quedou por detrás da candidatura de Soraya Sáenz de Santamaría.
En Ciudadanos entenden que a proposta do PP obedece á “intranquilidade”. Segundo Olga Louzao, o grupo popular “percibe o alento no pescozo e queren un traxe a medida para os seus intereses”. A voceira da formación laranxa recriminou que tiveron “corenta anos” para cambiar a LOREG, mais “só lles interesa asaltar o poder”. “Hai que saber negociar e respectar a vontade dos votantes, reflexionen por que perderon a confianza”.
O Bloque Nacionalista Galego considera que a “teima” dos populares pretende “eliminar as coalicións e lexitimar un poder absoluto”. Maite Ferreiro valorou negativamente a modificación realizada en 1999 sobre as atribucións da alcaldía, aumentadas en detrimento do pleno. “Queren menos mecanismos de control, aumentar as decisións arbitrarias”. Segundo os nacionalistas, calquera modificación debería ir a favor de mecanismos de democracia directa, coma consultas ou orzamentos participativos.