InicioSucesosOs psiquiatras que trataron a Ana Sandamil apuntan que a noite do...

Os psiquiatras que trataron a Ana Sandamil apuntan que a noite do crime “estaba psicótica”

Un garda civil deu testemuño de que puido observar manchas de sangue nos brazos e a boca da nena, así como na habitación, e restos de salpicaduras na parede e na cabeceira da cama.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os médicos e psiquiatras que trataron a Ana Sandamil, a acusada do asasinato da súa filla Desirée Leal, durante o seu ingreso hospitalario tras o crime, vírona desconectada da realidade, nun “episodio disociativo”, e consideran que “esa noite estaba psicótica”.

Así o declararon este xoves na Audiencia de Lugo, na cuarta sesión do xuízo por este crime, ocorrido en maio de 2019, que tivo que repetirse despois de que o TSXG anulase o anterior fallo do xurado por non velo suficientemente motivado en relación ao estado mental da acusada.

Entre os facultativos que declararon este xoves está a psiquiatra que tratou a Sandamil durante todo o seu ingreso hospitalario despois do crime, entre maio e agosto de 2019, e que detectou nela “sintomatoloxía persecutoria”. Decretou o seu ingreso involuntario polo medo a que a muller se quitase a vida. “Eu cría que, se lembraba algo desa noite, podía facerse dano”, explicou.

Aínda que non se lle practicou un test de simulación, esta profesional mostrouse moi segura en que a acusada presentaba “síntomas psicóticos” cando empezou a tratala, tres días despois dos feitos. “Eu creo que esa noite estaba psicótica”, explicou ao xurado.

Entre estes síntomas, o médico dixo que, “polo menos desde febreiro” dese ano, a muller tiña ideas “delirantes”, como que os compañeiros dun curso “a perseguían” ou “lle introduciron droga na bebida”. Tamén “empezou a notar raros aos seus familiares”, concretamente á súa nai, á súa parella e á nena.

“Ela dixo que nalgún momento notaba rara á nena, pero non que tivese que defenderse dela”, apuntou a psiquiatra que, ao longo do ingreso, escoitou dicir a Ana Sandamil que “si cría que lla cambiaron” e que “todo estaba organizado pola súa exparella porque quería quitarlle á nena”.

Tamén á psiquiatra referiulle a “sensación de ruídos” que chegaban dunha casa abandonada contigua á súa, aínda que “nunca chegou a recoñecer” ante ela que fosen “voces”, coma se dixo durante o ingreso en urxencias.

Noutra orde de cousas, a psiquiatra considerou que Ana Sandamil “sempre foi consciente” de que a nena morrera, aínda que inicialmente “tivo a sensación de que non era algo real”, algo que, dixo, “pasa habitualmente nas fases do duelo”. Con todo, “durante moito tempo non foi moi consciente de que se lle acusaba a ela” e a súa contorna, concretamente o seu pai, díxolle que “podería ser a avoa da nena”.

Aínda sufrindo un episodio psicótico, a profesional admitiu que “é posible mentir”, aínda que ela descarta esta opción. “Eu nunca tiven a sensación de que ela me mentise”, explicou.

“COMO IDA”

O médico internista que a explorou á súa chegada a urxencias, pola súa banda, dixo que estaba “serena, tranquila e moi abordable” e que “colaborou en todo momento” coa exploración.

O primeiro psiquiatra que a viu despois dos feitos, pola súa banda, dixo que estaba con “un contacto estraño” coa realidade, “como ida”. “Despois de explorala e estar con ela conversando un intre determinei que estaba nun episodio disociativo ou un episodio depresivo con síntomas de tipo psicótico”, contou. O profesional contou que non tiña un “delirio estruturado” e que, en principio, este non se dirixía cara á súa filla.

Na cuarta sesión do xuízo compareceu tamén a médica de cabeceira de Ana Sandamil, que lle recetó a medicación para durmir. Ante o tribunal, contou que ela non apreciou ningunha sintomatoloxía psicótica, se non só de índole ansiosa.

A AUTORA, SEN “XÉNERO DE DÚBIDAS”

Para concluír, en Lugo recolleuse o testemuño do garda civil que realizou a inspección ocular da casa onde se produciron os feitos. Ante o tribunal, contou que puido observar manchas de sangue nos brazos e a boca da nena, así como na habitación, e restos de salpicaduras na parede e na cabeceira da cama.

En canto á presenza de sangue, o axente contou que a escena foi modificada, dado que a avoa da nena díxolle que “a lavou”. Concretamente, a muller trasladoulle que, despois de que os sanitarios certificasen a morte da menor e subísena á cama –atopábase no chan– ela “limpoulle a cara do sangue que tiña” e “deulle un bico de despedida”, algo que certificou que se atopase ADN da avoa na cara da pequena.

O garda civil explicou que a acusada lle dixo que sospeitaba que a menor tomara unha medicación que tiña disolta en auga para ela mesma na habitación, algo que “non se axusta” cos achados.

“O que hai, para min, é que matou á nena”, dixo a testemuña, que considera que as salpicaduras –de auga con trazodona, segundo o informe forense– na cabeceira e a parede da habitación son coincidentes con que “a nai tente darlle de beber” á nena “un líquido que ela non quere”. Posteriormente, estima que a asfixiou cunha almofada, onde se atoparon restos de sangue e saliva de Desirée.

“Púidoa matar na cama ou no chan, iso sábeo ela, pero hai máis sangue no chan”, destacou o axente. “Sen ningún xénero de dúbidas, a autora do crime é Ana Sandamil”, engadiu.

ÚLTIMAS

Dous detidos por causar 17 incendios forestais en parroquias de Vilalba

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de...

Cristina Lombao será a pregoeira do San Froilán 2025 e Branca Villares lerá a ofrenda a Rosalía

A xornalista Cristina Lombao será a encargada de pronunciar o pregón do San Froilán 2025,...

Lugo lanza 640 accións formativas para impulsar a dixitalización no rural

A Deputación de Lugo pon en marcha este mes o programa “E para dixitalizarse...

Varias denuncias de lucenses vítimas dunha estafa piramidal con criptomoedas

Numerosos veciños de Lugo e da provincia denunciaron ser vítimas dunha estafa piramidal vinculada á...