InicioCulturaA Fonsagrada convírtese nun novo punto de rodaxe audiovisual na provincia

A Fonsagrada convírtese nun novo punto de rodaxe audiovisual na provincia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistiu este luns a unha das sesións de rodaxe de 'As neves', primeira longametraxe da directora e guionista viguesa Sonia Méndez.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistiu este luns na Fonsagrada a unha das sesións de rodaxe de ‘As neves’, primeira longametraxe da directora e guionista viguesa Sonia Méndez, que encara a recta final dun proceso de filmación que deu comezo a mediados de decembro cun equipo de máis de 60 persoas.

Cósmica Producións conta co apoio da Xunta de Galicia desde o inicio deste proxecto, subvencionado xa na súa fase previa de desenvolvemento e polo que se lle concedeu tamén unha axuda de 260.000 euros a través da convocatoria de 2021 para producións e coproducións audiovisuais.

Durante a visita á rodaxe, a propia directora e a produtora executiva, Nati Juncal, compartiron cos cargos da Xunta a evolución do traballo, que se desenvolve en diferentes localizacións da Fonsagrada, ademais de en outros concellos da provincia de Lugo e en Santiago de Compostela.

Durante a visita, o responsable autonómico de Cultura mostrouse convencido de que 2023 volverá ser un “bo ano para o audiovisual galego”, no que películas como a que se está rodando na Fonsagrada van contribuír ao éxito do sector e a afianzar o bo posicionamento de Galicia no campo audiovisual.

“Desde a Xunta cremos que este é un sector estratéxico cunha gran capacidade para crear emprego e, como ocorre neste caso, pór en valor espazos rurais da nosa Comunidade e divulgar o bo traballo que están a facer os nosos profesionais”, dixo.

Este traballo súmase á intensa tempada de filmacións protagonizada pola industria audiovisual galega nos últimos meses con financiamento da Consellería de Cultura, tanto a través das axudas anuais para producións de cinema e de televisión como do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia fai chegar á subdelegada do Goberno prioridades en seguridade, mobilidade e infraestruturas

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe unha reunión institucional coa subdelegada do...

O Parlamento galego apoia por unanimidade a candidatura de Lugo para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública

O Parlamento galego pide á Xunta que impulse o apoio á candidatura de Lugo...

O Concello de Lugo pide axilidade á Deputación na renovación da avenida Adolfo Suárez

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo un encontro co presidente da Asociación de...

González Abelleira cualifica o “plan de choque” de Candia para o SAF como “unha fraude política” 

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe que o...